Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Crónica desde a India (17)

As mulleres, o protagonismo roubado

"Neste cine, igual que no de todo o mundo, as mulleres rara vez somos protagonistas, estamos aí para adornar!". María Reimóndez escribe para Vieiros desde a India.

María Reimóndez - 10:30 01/09/2007

O turismo esgota
En dez anos que levo visitando Tamil Nadu (e trece a India) este domingo é a primeira vez que percorro o templo e a cidade de Madurai. De feito non foi ata 2004, cando tivemos unha visita ao proxecto de Tiruchy, que subín por primeira vez ao Rock Fort. Este é xa un motivo de risa entre Ambal e mais eu, que sempre insiste en que se a min se me pregunta eu só quero ver unha cousa: "community". E non podo dicir que non teña razón porque a prioridade deste tempo aquí é precisamente a xente. Os monumentos, por suposto, forman parte dela, pero son moi cativa na miña dedicación a eles. Mais desta vez cobran un sentido diferente porque comigo vén o grupo do Vanakkam, que percorre con entusiasmo malia á calor abafante a cidade da que é orixinario Ambal. A falta de costume fai que o turismo me esgote e ao final do día chego a casa co corpo con gana de normalidade.

Raiolas de luz
A semana comeza cunha visita a Faridah, que conta con enerxía a súa experiencia como voluntaria de xénero, e tamén cunha xuntanza coas mulleres que estudan o curso de alfabetización en C-Block. Este lugar está marcado aínda pola reclusión das mulleres no fogar. Hai algúns casos extremos deste tipo, as familias non permiten que as mulleres saian literalmente da casa. Pero o programa chegou mesmo a estas mulleres dado que a animadora imparte as clases nas casas ben de forma individual ou a pequenos grupos de veciñas. Polas ventás pechadas comezan a entrar raiolas de luz.

Cinema, cinema
O luns complementa a súa visita á comunidade cunha estadía de tres horas no cine para ver unha película, que é interpretada de todas as formas posibles por cada persoa do grupo. A película, Paddikudam (escola), a dicir verdade, ten algúns aspectos interesantes. A trama xira arredor dunha escola rural que queren pechar para usar o terreo no que está instalada. Un dos antigos alumnos, que aínda fica na aldea e é labrego, decide marchar na busca dos seus dous mellores amigos, un deles un alto cargo da administración e o outro un director de cine famoso. Por suposto hai música, romance e animación na sala. Pero tamén elementos sorprendentes.

Como a canción que cantan os nenos (nena ningunha, iso si) na que se queixan do castigo físico nas escolas, ou a escena na que a "protagonista" (neste cine, igual que no de todo o mundo, as mulleres rara vez somos protagonistas, estamos aí para adornar!) nun flashback á adolescencia, expresa de forma clara o seu interese por un dos rapaces (tócalle un pé de forma amorosa, un sinal inequívoco!). Este avance da rapaza, que continúa no resto da película é un elemento sen dúbida novidoso aquí e que xa provocou polémica nalgunha ca outra película. Porque parece que as mulleres estamos aí para quedar monas pero non para expresar o que queremos, moito menos no campo sexual, iso é unha infracción. Oxalá unha que transcenda a pantalla.

Cea familiar
O cine fica preto da casa. Da miña casa, quero dicir. E hoxe temos cea coa miña familia. Houbo que quitar as cadeiras de brazos que hai na sala e metelas no meu cuarto para poder meter dentro a todo o grupo (e iso que faltan Marcos e Tito, os nosos documentalistas particulares, que están gravando en Kanyakumari). Alédame compartir o meu espazo, este lugar que é o fogar. E ao remate dunha cea abundante saímos á terraza na noite falar e rir con Manimekalai e Kavin. A noite pecha un novo día de compartir.

Crónicas anteriores:


Ligazóns

1/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: