Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Fwwwrando

RSS de Fwwwrando
EUA QUERE MANTER O ACCESO AOS DATOS DOS QUE REXISTRAN DOMINIOS

Puntogal deberá agardar un ano para presentar a súa candidatura

A ICANN, o ente que rexe os dominios, atrasa seis meses a apertura do proceso de creación de novos identificadores.

Manuel Vilas - 17:01 26/06/2007

O Puntogal deberá esperar, cando menos, seis meses máis. Esta é a principal conclusión da primeira xornada da conferencia que celebra en Porto Rico a Internet Corporation for Assigned Names and Numbers (ICANN), o ente que controla os dominios do ciberespazo.

A lenta burocracia da ICANN
Esta organización atrasa deste xeito medio ano o seu propio calendario, que sinalaba ao próximo verán como data de apertura da convocatoria. A ICANN é un organismo moi burocrático e que non se distingue pola súa rapidez, mais ben todo o contrario.

Por exemplo, o Puntcat (o dominio para a lingua e cultura catalana, o primeiro e único identificador que existe para un idioma) tardou máis de tres anos en ser aprobado, unha vez presentada oficialmente a súa proposta. Así, o máis preocupante para os intereses galegos non é este atraso, senón a posibilidade de que a ICANN non manteña a previsión dos doce meses.

En todo caso, dende Puntogal sinalan que continúan mellorando a candidatura galega, para tela lista para cando a ICANN se decida, por fin, a lanzar o proceso. Así, xa contan co visto bo do Estado, a través do Ministerio de Industria, e seguen sumando apoios. Xa son máis de 6.290 os internautas que asinaron a prol do identificador.

Os EE.UU. queren ter identificados aos donos de dominios

A conferencia da ICANN proseguirá ata o venres discutindo outros asuntos. Ademais da tradución de dominios a outros alfabetos como o árabe, en San Xoán estase a discutir unha proposta de reformar o WhoIs, que obriga a publicar na rede os datos persoais de quen rexistra un dominio, incluído detalles como o número de teléfono.

O plan da ICANN é manter a obriga de facilitar estes datos, pero non de publicalos na arañeira. Esta proposta está a atopar a oposición das corpos da seguridade, especialmente dos Estados Unidos, que buscan garantir o seu acceso ilimitado ao WhoIs.


4,8/5 (5 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: