Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
Festival de Cans

“Imos mellorando, pero con sentidiño”

Moisés Álvarez, voceiro da organización, fala das novidades da cuarta edición dunha cita cinematográfica que se desenvolve nesta aldea do Porriño.

Modesto del Río - 13:46 23/05/2007

O xoves 24 comeza a cuarta edición do festival de cine de Cans, aldea do concello do Porriño. Durante tres días, proxectaranse en alpendres, galpóns e adegas as mellores curtametraxes do país. Pero non só iso: o festival tamén conta con música e festa: Víctor Coyote e Pablo Novoa, Os Bravos de São Vicente, The Ellas, The Turres Band, Toni Lomba e Elio dos Santos e os Festicultores.

Moisés Álvarez é voceiro e membro da organización do festival, que xorde como contrapunto ao glamour de Cannes, que coincide cronoloxicamente co do Porriño. Pero en Cans, en lugar de limusinas, as estrelas do cine e os espectadores viaxan en chimpibuses, e as alfombras vermellas esténdense polos carreiros.

Vieiros: Xa é a cuarta edición do festival. A programación e as actividades van medrando ano a ano?

Moisés Álvarez: Si, cada edición imos aumentando as actividades. Este ano a principal é que imos estrear tres longametraxes, aínda que o festival segue a ser principalmente de curtas. Xa no 2006 estreamos unha longa dun autor do Porriño, Judas Diz, Por mí y por todos mis compañeros. Este ano, outro director porriñés, Fernando Costafreda, fai a estrea absoluta de Abrígate. Tamén veremos unha de animación que se estrea asemade en Cannes, Gritos en el pasillo. Así mesmo, farase o primeiro pase do documental de Víctor Coyote Só concertinas. Temos unha nova sección: Coloquio na leira, onde este ano participará Tristán Ulloa. Por primeira vez hai unha sección de vídeo clips, que creo que é o primeiro concurso deste tipo feito en Galiza. Temos seleccionados doce vídeos galegos. E tamén está a Can Parade: distribuímos siluetas do can, símbolo do festival, entre varios artistas, que as reinterpretaron e as expoñen polas rúas do Porriño e despois nas leiras de Cans.

V: Seguirán ampliando a programación?

M. V.: A idea é ir mellorando e ampliando o festival, pero con sentidiño e pouco a pouco. Tampouco nos queremos esnafrar. Imos avanzando cada ano, pero sen perder a perspectiva do festival de Cans.

V: E como se lles ocorreu facer o festival de Cans?

M. V.: Tivemos a idea e vimos que, ademais, coincidía co nome do lugar. Hai case cinco anos naceu a nosa asociación cultural Arela do Porriño para dinamizar a vida cultural da vila. Falamos con Alfonso Pato, director do festival, e acabamos materializándoo. É como un contrapunto a Cannes, pero con outro glamour moi diferente.

V: Como reaccionaron os veciños de Cans?

M. V.: Ao principio, o primeiro ano, os veciños recibíronnos con desconfianza. Pero, así que viron como funcionou, agora están encantados. Eles son os que nos facilitan os lugares para as proxeccións, os galpóns convertidos en salas de cine, e tamén son os condutores dos chimpibuses.

Aínda que dende comezos de maio xa se foi abrindo o apetito cinematográfico da xente do Porriño con proxeccións do Canódromo, no Centro Cultural Municipal, e coa festa do cine, a pasada fin de semana nos locais de Espazo Noite, o festival ábrese este mércores 23 á noite cun pase especial para os veciños de Cans no baixo do Bar Moncho.

O programa completo do evento, que se desenvolve o xoves no Porriño e o venres e o sábado en Cans, pódese consultar na web do festival.


5/5 (1 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: