Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
MÁIS DE 2.000 ASISTENTES

A terceira edición de Cans consolida a celebración desta festa do cine galego

Todas as entradas vendidas, 3 días de festival e un total de 28 curtas animaron durante a fin de semana no Porriño a terceira edicion do Festival de Cans, no que se deron a coñecer as novidades do audiovisual galego no que se refire a curtametraxes. Catro delas foron as galardoadas, ademais de outorgar tamén o premio Pedigree 2006 a Mabel Ribera. Xunto coa proxección dos filmes, a música, a venda de camisetas e os xogos malabares desde os chimpibues puxeron de manifesto a especial celebración do cinema en galego en curto.

- 15:51 30/05/2006
Tags:

Os filmes gañadores de Cans 2006 foron, na categoría de mellor curta de ficción, Mario Iglesias por "Nais". Diego Méndez logrou o da mellor curta de animación por "Os 2 lados da valla". O público decantouse por "Quérote mal" en ficción e "O señor dos mosquis" en animación. O mellor actor foi, segundo o xurado, Ricardo de Barreiro polo seu papel en "Bos días" e o premio de de mellor actriz compartírono Isabel Rey e Isabel Naveira por "Nais" e "Quérote mal", respectivamente. Os filmes gañadores proxectaranse de novo mañá no Bar Liceum, acto co que se dá por pechada a terceira edición de Cans.

As 10 curtas participantes no concurso proxectáronse en tres alpendres, dúas adegas e unha vella casa abandonada . A estas salas de visionado hai que sumar a incorporación deste ano, o "jalpón friki", de entrada libre e que fixero posíbel unha asistencia de máis de 1.000 persoas o sábado e no total dos festival "calculamos que máis de 2.000", segundo recolle no seu blog a asociación cultual Arela, organizadora do festival xunto co concello do Porriño e outras entidades. O total de entradas vendidas foi o dobre que o ano anterior, o que fixo 480 "butacas".

Cans 2006 desenvolveuse baixo a coordenación do guionista Alfonso Pato e como curiosidade, dicir que os asistentes, directores e actores foron trasladados nos chimpibuses, ou tractores pequenos protagonistas do agro galego, nos que, ademais, se celebraron xogos malabares. Outras das actividades coas que contou o festival foron a música de Andy Chango, dos Tres Tristes Tigres, dos Festicultores e do que fora líder de Los Enemigos, Josele Santiago, acompañado do músico vigués Pablo Novoa.


0/5 (0 votos)