Diferentes colectivos do país exixen a paralización do proxecto de explotación de andalucita a 50 metros do Parque Natural Fragas do Eume.
Acto no lugar onde vai ir a mina
Diferentes colectivos do país, co respaldo da asociación alemá Rettet den Regenwald, iniciaron unha nova acción de protesta esta semana para exixir a paralización do proxecto da mina de andalucita no lugar de Pico Vello. Esta linda co Parque Natural das Fragas do Eume, e está constituída na súa maior parte por fraga mesta e pasteiros.
O monte Fontardión, ao pé do que está Pico Vello, constitúe o único corredor ecolóxico entre o Parque Natural Fragas do Eume e o LIC Xubia-Castro, ambos os dous incluídos na Rede Natura 2000. "A posta en funcionamento da explotación suporía a perda deste corredor ecolóxico e a destrución irreversíbel dun inmenso patrimonio natural e etnográfico", denuncian os colectivos.
Ademais, a explotación mineira -din- "afectaría tamén o Parque Natural Fragas do Eume", dado que a entulleira se situaría xusto sobre o rego Maciñeira, afluente do río Eume, principal caudal que percorre o Parque Natural, provocando unha "grave contaminación" por lixivacións e escorreduras.
Informe de avaliación ambiental
Porén, no informe de avaliación ambiental non se detallan as repercusións negativas derivadas da execución do proxecto sobre o Parque Natural situado a tan só 50 metros de distancia da zona da extracción, aseguran. Consideran que a faixa de amortecemento é "insuficiente" para o librar das afeccións causadas pola contaminación da mina.
Por iso, baixo o lema SOS para os montes galegos: Non á mina en Pico Vello, esta iniciativa insta todas aquelas persoas preocupadas pola preservación da zona a enviaren un correo electrónico a diferentes organismos da Administración Pública. Polo momento, perto de dúas mil persoas xa deron o seu apoio á iniciativa.
As cartas de protesta da ciberacción están a ser dirixidas ao presidente da Xunta, ao conselleiro de Industria, ao director xeral de Industria, Enerxía e Minas, ao conselleiro de Medio Ambiente, ao secretario xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, á presidenta de Augas de Galicia, ao conselleiro do Medio Rural, ao director xeral de Conservación da Natureza e ao alcalde das Pontes.
Apoian a denuncia: Agrupaçom de Montanha Águas Limpas, Adega, Club de Montaña Ferrol, Colectivo Ártabra 21, DROSERA, FEG, Fusquenlla, G.N.Hábitat, Guerrilleiros das Fragas, Néboa, Lapis Verdes, O Rabo do Galo, Saramaganta, a Sociedade Galega de Historia Natural e Verdegaia.