As organizacións denuncian que a Xunta procedeu dun xeito "chafalleiro" á hora de tramitar unha explotación que lle afecta á zona protexica.
Cartel da convocatoria do roteiro
Colectivos contrarios á instalación dunha mina de andalucita nas Fragas do Eume presentaron este xoves perante a Fiscalía Ambiental as irregularidades que observaron na tramitación do proxecto. Como consecuencia disto, o fiscal Álvaro García Ortiz acordou abrir dilixencias preprocesuais para investigar o proceder da administración no caso, polo que lle solicitará máis información.
Segundo as 16 organizacións, a tramitación da mina de andalucita é un exemplo máis do proceder "chafalleiro" e do desleixo da administración pola conservación do patrimonio natural do país, por non respectar os prazos estabelecidos pola lexislación e mais por elaborar un estudo de impacto ambiental pragado de omisións, como o feito de non detallar o impacto da explotación sobre o parque natural.
Os colectivos, que estiveron representados na acción xudicial por Adega, Augas Limpas, Sociedade Galega de Historia Natural e Verdegaia, afirman que o proxecto eliminará de xeito irreversíbel unha das principais fontes do río Belelle, afectándolle á calidade e á cantidade das súas augas, das que bebe poboación dos concellos de Ferrol, A Capela e Neda. Asemade, afectaríalle ao parque natural das Fragas do Eume, contaminando o rego Maciñeira, afluente do Eume, con lixiviados e escorreduras. Así mesmo, afirman que os 50 metros deixados de franxa de amortecemento son insuficientes.
Ademais da presentación na Fiscalía, os colectivos convocaron para o 13 de maio ás 19 horas unha charla na Casa da Cultura da Capela para discutir sobre os valores naturais da zona afectada e o posíbel impacto da mina. Intervirán o profesor de botánica da USC Xabier Amigo, o herpetólogo e profesor da UDC Pedro Galán e o biólogo experto en morcegos Roberto Hermida.
E o 15 de maio emprenderase un roteiro reivindicativo polo Pico Vello para coñecer a fraga do lugar, amezada pola mina de andalucita. Durante algo menos de tres quilómetros, varios expertos explicarán os aspectos xeolóxicos do xacemento, as afeccións sobre os ríos, a morfoloxía da zona, a súa flora e fauna, ademais de aspectos etnográficos. Pola tarde, visitarase o Museo Etnográfico da Capela.