Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
"Fracaso" do proceso

A liberalización eléctrica non afrouxa o peto do consumidor

Malia os considerábeis beneficios das empresas os fogares pagan cada vez máis. As organizacións de consumidores son moi críticas coa situación.

Redacción - 12:40 03/06/2010

As estatísticas da propia Comisión Estatal de Enerxía (CNE) non deixan lugar a dúbidas: o proceso de liberalización impulsado polo goberno español no sector eléctrico non está implicando a posibilidade dun aforro para os fogares. Segundo os informes da CNE, e diante da inexistencia dunha competencia real, no mellor dos casos o aforro mensual que un consumidor pode conseguir para súa factura non vai moito máis aló dos 0,6 euros ao mes.

Un ano despois do que desde o Ministerio de Industria se anunciaba como un punto de inflexión decisivo en prol do consumidor, paradoxalmente, a situación coincide co que o vindeiro 1 de xullo será cita para unha nova revisión dos prezos oficiais da electricidade. Cara a esa data desde os xigantes eléctricos xa se iniciou a presión para conseguir que se autoricen fortes subidas nas tarifas.

Os xigantes eléctricos pecharon o último balance, cun beneficio menor ca o anterior de 2008. Malia todo, no medio dun escenario de crise, as ganancias do sector non deixan de ser espectaculares. As catro grandes, Endesa, Iberdrola, Gas Natural-Fenosa e HC gañaron conxuntamente en 2009 un total de 7.672 millóns de euros.

Fracaso da liberalización
O escenario fora xa prognosticado polos colectivos de defensa do consumidor que hai meses que advertían do perigo da reforma impulsada polo executivo estatal. "Nin os consumidores nin o propio mercado está preparado para afrontar un proceso de liberalización", advertían daquela desde a Unión de Consumidores de Galicia (UCGAL).

Subliñaban desde a UCGAL que a propia CNE admitía que as empresas eléctricas non estaban realizando ofertas e que, entre as escasas realizadas, "é moi difícil facer comparacións". Unha situación que non mudou nestes meses. Nesa liña, desde a Organización de Consumidores e Usuarios (OCU), cualifican de "fracaso" o proceso de liberalización, indicando que os descontos das operadoras son irreais e que os fogares pagan "cada vez máis" nas súas facturas.

Os maiores incrementos de toda a UE
"O consumidor non está para apandar con incrementos disparatados", advirten desde a Federación de Consumidores en Acción (FACUA). Desde este colectivo recordan a elevada marxe de beneficios das eléctricas e o continuo ciclo de subidas dos últimos anos. Para FACUA na actual conxuntura económica o executivo estatal só está esixíndolle "sacrificios" á cidadanía mentres sectores empresariais coma o eléctrico non só non asumen ningún tipo de recorte senón que lle achegan ao consumidor ofertas "ridículas".

En xullo, o goberno español vai revisar a chamada Tarifa de Último Recurso (TUR), a opción que se aplica por defecto sempre e cando o consumidor non opte por algunha das outras posibilidades e xa que logo a que lle afecta á maioría de fogares. Ao tempo, o incremento derivado por este concepto coincidirá co impacto da suba do IVE do treito do 16 até o 18%.

Os últimos datos dispoñíbeis do Eurostat indican que o prezo da electricidade nos fogares na Unión Europea (a estatística cínguese á zona euro) foi entre 2008 e 2009 de apenas un 0,8. Un dato que á luz do mesmo indicador contrasta co do Estado Español, onde o prezo da electricidade se incrementou até dez veces por riba da media europea.


1/5 (1 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: