Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Pau aos orzamentos municipais

O goberno español permite que as eléctricas paguen a metade aos concellos polos encoros

Xosé Manuel Pérez Bouza, senador do BNG, presentou unha iniciativa na Cámara Alta solicitando o cambio da norma.

Redacción - 09:00 08/07/2008

Arramplaron no seu momento con algunhas das mellores terras de moitos municipios do país a cambio de compensacións moitas veces discutidas polas pequenas cantidades en comparación cos elevados beneficios. Agora, unha modificación legal permítelles ás empresas do sector eléctrico pagaren aínda menos aos concellos onde explotan encoros desde hai décadas.

A denuncia fíxoa pública este luns Xosé Manuel Pérez Bouza, senador do BNG, quen advertiu de que o novo xeito de realizar as valoracións catastrais dos chamados Bens Inmobles de Características Especiais, BICES, vai zoupar forte nas contas de moitos municipios en Galiza.

Pérez Bouza puxo o exemplo dun feixe de municipios ourensáns (Manzaneda, Vilariño de Conso, Muiños, Bande, Lobeira, Cenlle, Punxín, Ribadavia...) para explicar que como media, verán reducidos os seus orzamentos aproximadamente nun 50% debido a esa redución na valoración dos BICES. Criticou tamén a introdución de índices correctores adicionais que zouparán aínda máis nas contas municipais. Como caso estremo citou o de Castrelo de Miño, onde os ingresos recibidos minguarán até nun 80%.

Solicitan unha modificación da lexislación
En opinión dos nacionalistas, trátase dunha norma que "non respecta tres principios básicos: autonomía local, suficiencia financeira e ingresos consolidados". Pérez Bouza explicou que o BNG rexistrou no Senado por teste motivo unha iniciativa coa que insta o goberno español a modificar esta normativa "lesiva" para os intereses de moitos concellos. "Calquera cambio nunha normativa non pode ser para prexudicar ou para modificar á baixa as condicións que se estaban a ter", denunciou. Ademais, solicita "partidas" orzamentarias adicionais nos orzamentos do Estado para compensar os concellos que se ven afectados este ano.


5/5 (5 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: