Polo menos oito persoas morreron durante os enfrontamentos entre forzas de seguridade e manifestantes da oposición que se desenvolveron este domingo en Teherán, segundo informou este luns o Consello Supremo Nacional de Seguridade de Irán e citan axencias internacionais.
Os medios estatais informaran previamente de cinco mortos. "Consello Supremo de Seguridade Nacional: oito mortos nas protestas antigobernamentais de Irán", informou a televisión
Press TV, que emite en inglés, nunha noticia breve urxente, sen dar máis detalles.
As mortes, as primeiras durante unhas manifestacións desde as que sucederon após as polémicas eleccións presidenciais de xuño, producíronse logo de que ducias de miles de persoas tomaron as rúas da capital e doutras cidades iranianas. Webs da oposición denunciaron que a Policía disparou contra os manifestantes no centro de Teherán.
Entre as vítimas mortais figura o sobriño do líder opositor Mir Hossein Musavi, que un aliado do ex candidato presidencial xa cualificou de "martirio". A televisión asegurou que varios "agresores descoñecidos" asasinaron a Ali Habibi Musavi Jamene.
Ademais, a Policía informou da detención de 300 opositores, anunciou que se abriu unha investigación sobre os feitos e asegurou que ducias de membros das forzas de seguridade resultaron feridos.