"Os dirixentes europeos teñen exactamente o que querían: alguén que non lles faga sombra", afirman.
Herman Van Rompuy e Catherine Ashton
O copresidente do grupo dos Verdes-ALE no Parlamento Europeo, Daniel Cohn-Bendit, afirmou este venres que Europa tocou fondo coa elección de dous políticos de "baixo perfil" como o primeiro ministro belga, Herman Van Rompuy e a comisaria de Comercio, a británica Catherine Ashton, para ocupar os novos altos cargos da UE.
"Os líderes proseguiron o seu traballo de debilitamento das institucións europeas. Confirmaron a súa opción por un presidente da Comisión débil (José Manuel Durão Barroso), elixindo tamén un presidente do Consello insulso e unha Alta Representante da Política Exterior insignificante", dixo Cohn-Bendit nun comunicado.
"Europa toca fondo. A boa noticia é que a partir de agora as cousas só poden mellorar", resaltou. A outra copresidenta do grupo, Rebecca Harms, afirmou que a elección dunha muller para un dos altos cargos da UE se debe moito á presión das eurodeputadas.
"Os éxitos futuros de Catherine Ashton dependerán moito da súa capacidade de traballar en estreita cooperación co Parlamento. Ela está máis preparada que o seu predecesor, Javier Solana", dixo Harms. "Herman van Rompuy será máis un moderador que un líder do Consello Europeo. Os dirixentes europeos teñen exactamente o que querían: alguén que non lles faga sombra", concluíu.