A cimeira deberá pór rostro aos dous cargos de alto nivel que crea o Tratado de Lisboa, que entrará en vigor o 1 de Nadal.
Barroso, presidente da CE
Os líderes da Unión Europea tentarán esta quinta feira lograr un acordo sobre as dúas personalidades que ocuparán os novos cargos da UE para seren a cara visíbel da Europa unida ante o mundo, os dous cargos de alto nivel que crea o Tratado de Lisboa, que entrará en vigor o 1 de Nadal.
Trátase, por unha banda, do primeiro presidente estábel do Consello Europeo, a institución que reúne, polo menos unha vez cada tres meses, os gobernantes da UE e que toma as grandes decisións do bloque.
Doutra banda, deben elixir o alto representante para a Política Exterior e de Seguridade (PESC) que, por vez primeira, será simultaneamente vicepresidente da Comisión Europea (CE) e terá máis poderes dos que exerce o actual responsábel, Javier Solana.
O obxectivo de ambas as dúas innovacións é reforzar o peso da Unión Europea no mundo e mellorar a súa coordinación interior e a celeridade na toma das súas decisións.
Cimeira aberta
Esta cimeira extraordinaria preséntase completamente aberta, xa que o actual presidente de quenda do Consello Europeo, o primeiro ministro sueco, Fredrik Reinfeldt, non conseguiu un suficiente achegamento de posturas nas dúas roldas de conversacións que mantivo en pouco máis dunha semana coas outras 26 capitais de estado.
Até o de agora dábase por feito que o cargo de presidente correspondería a algún membro da familia conservadora (Partido Popular Europeo, PPE), maioritaria tanto no Consello Europeo como no Parlamento, e que un da Alianza Progresista de Socialistas e Demócratas (o segundo en número da Cámara) sucedería o Solana.
Por agora, as apostas apuntan que o primeiro presidente do Consello Europeo podería ser un dos tres primeiros ministros do Benelux, os tres democristiáns: o belga Herman Van Rompuy, o holandés Jan-Peter Balkenende e o luxemburgués Jean-Claude Juncker.
Tony Blair, o ex primeiro ministro laborista do Reino Unido e a personalidade máis coñecida fóra da UE, foi promovido activamente polo actual goberno británico. Con todo, poderíase optar por unha muller ante as críticas sobre a descompensación entre sexos. A ex presidenta letoa Vaira Vike-Freiberga e a ex presidenta irlandesa Mary Robinson estarían entre as mellor colocadas.
Protesta de eurodeputadas
Neste senso, unha vintena de eurodeputadas vestidas con traxe e gravata concentráronse esta cuarta feira ante a sede do Consello Europeo en Bruxelas para presentaren os seus currículos e exixir aos 27 unha maior presenza feminina nos postos de poder da Unión.
Entre as manifestantes estaba Ana Miranda (BNG), que ocupará o cargo de eurodeputada en 2011, a única das que participaron procedente do Estado Español. A nacionalista criticou que Barroso "propulse a igualdade, mais non predique co exemplo nas súas propias institucións".
PESC
Para o cargo de 'ministro de Exteriores', o responsábel do Foreign Office británico, David Miliband, é o máis citado, mais a súa insistencia en dicir que fica en Londres volveu os ollos cara ao italiano Massimo D'Alema (ex primeiro ministro e ex titular de Exteriores). Tamén o español Miguel Ángel Moratinos comezou a aparecer nas quinielas.