Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
CONGRESO PROVINCIAL Á VISTA

Baltar, a obstinada resistencia dunha 'boina' en conversión

O barón de Ourense resístese a entregarlle aos de Feijoo a chave do PP provincial.

Ramón Vilar - 12:00 09/09/2009

Os catro anos na oposición servíronlle a Núñez Feijoo para meter subela nun partido que, aínda que sempre unido de portas para afora, está afeito ás máis cruentas guerras internas. A vitoria do pasado 1 de marzo fixo que para moitos o reinado de Feijoo nas filas conservadoras sexa incuestionábel. Aínda así, e pese aos esforzos, Ourense segue a ser o cantón rebelde, unha especie de afastado territorio a onde as ordes da sede central do PPdeG ou tardan en chegar ou simplemente se perden polo camiño.

A principios de 2008 Baltar dáballe unha alegría aos dirixentes do PPdeG logo de dicir publicamente que había que ir buscándolle relevo. Porén, dentro do partido sospeitaban que Baltar podería caer na tentación de deixarlle o bastón de mando ao propio fillo. Esta mesma semana, Xosé Luís Baltar volveu demostrar que é unha dor de moas para os plans de Feijoo. A poucos meses do congreso provincial (a dirección do PPdeG acordou que se celebre este mesmo ano), o todopoderoso barón ourensán amaga con volver presentarse á presidencia provincial do partido ou, cando menos, xa deixa claro que non está disposto a deixar de influir. Agora afirma que ter pendente unha conversa “moi seria” con Feijoo e non saber se os alcaldes o van “presionar” para que siga.

As palabras textuais de Baltar son dignas de estudo: “Vou esperar a ver o que me di o partido e tomaremos unha decisión. Se dependese exclusivamente de min, marcharía. É o mellor momento para marchar, pero son produto dun equipo e non lle podo dicir á xente que me apoiou que marcho sen máis”. Os que rodean a Baltar (deputados próximos, alcaldes, ...) saben que a caída do barón suporía tamén o principio dun novo tempo político para o que é moi posíbel que dende Santiago non conten con eles.

As declaracións do presidente da Deputación chegan despois de que en xuño se soubese da existencia dunha carta que circulaba entre os alcaldes de Ourense na que se vertían duras críticas a Feijoo polo trato que recibía a provincia e polo “apartado” que tiña a Xosé Luís Baltar.

A enésima batalla?
Aos seus 69 anos, Xosé Luis Baltar ten visto de case todo na política. Chegou á alcaldía de Nogueira de Ramuín en 1976 e nela estivo durante 11 anos. En 1983, da man de Franqueira, ingresa en Coalición Galega. En 1985, participa na excisión que dará lugar a Centristas de Galicia e, finalmente, pilota canda Vitorino Núñez a fusión deste partido co PPdeG a principios dos 90.

Forte aliado durante moitos anos de Xosé Cuiña no chamado sector da “boina” participou activamente nas duras guerras internas co sector do “birrete” dirixido por Romay Beccaría e Mariano Rajoy. A chegada de José María Aznar ao goberno español favoreceu os intereses deste último sector, máis próximo ás decisións de Génova.

Logo da caída de Fraga, Baltar apoiou nun prinicipio a candidatura de Cuiña fronte a Feijoo, pero poucos días antes da última gran batalla entre “boinas” e “birretes”, ao de Ourense fraqueáronlle as forzas. Consciente da imposibilidade dunha vitoria, preferiu unha retirada e o intento de adaptarse aos novos tempos.


4,43/5 (21 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: