Circula pola provincia un escrito que venera a figura do líder do sector da boina e que insinúa unha posíbel escisión, de cara ao congreso do partido.
Hai unha semana que circula polos consistorios dalgunhas vilas de Ourense un escrito -tres páxinas, en galego-, que defende o baltarismo sobre todas as cousas, e acusa o presidente do PPdeG e da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, de "humillar" a provincia, con decisións como a elaboración da lista pola provincia nas pasadas eleccións galegas do 1 de marzo, ou o nomeamento de Rogelio Martínez como superdelegado en Ourense.
O escrito, segundo publica na súa sección de Galiza o xornal madrileño El País, está en circulación para recoller sinaturas contra a deriva que está collendo a xestión Feijoo á fronte do PPdeG, e para esixirlle unha "rectificación" no seu proceder respecto do trato das provincias.
"O poder único que coñecemos é o de quen lidera incuestionabelmente todas as vitorias e esforzos do PP en Ourense"
Os autores deste escrito reagrúpanse arredor da figura do presidente provincial do PP, Xosé Luís Baltar, sinalando que "chegou a hora de dicirlle basta xa á serie de humillacións e desplantes que está a recibir o noso presidente provincial, con motivo das designacións e nomeamentos producidos dende a toma do novo Goberno autonómico", e ameazando con facer "o que temos que facer, que non será outra cousa que seguir as indicacións e os criterios de quen nos representa coma ninguén, coas consecuencias políticas e sociais que correspondan". A seguir lembran que a súa provincia sempre foi esquecida por todos os gobernos galegos, "incluídos os do PP", e recalcan que, a pesar de seren os eternos esquecidos, contribuíron "a aupar" ao partido no poder, e Feijoo, sinalan, tamén lle debe ao barón ourensán a presidente do partido.
O documento non lle foi entregado a Feijoo, porén, foi pensado coma un aval e unha proba de forza para o vindeiro congreso provincial do partido, previsto para despois do verán, sinala este xornal.