Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Consello da Xunta

O novo plan de estradas promete mellorar a mobilidade

O Plan MOVE investirá catro mil millóns en cinco anos. Unha das obras incluídas é a variante de Noia, que rescata o trazado da era Fraga.

Redacción - 19:10 03/09/2009

Este xoves presentouse perante o Consello da Xunta o Plan de Mobilidade e Ordenación Viaria Estratéxica de Galiza, máis coñecido como MOVE. A rede de infraestruturas deseñada polo Goberno aspira a que as infraestruturas "deixen de ser o obxectivo final" e sexan "un medio para alcanzar a mellora da mobilidade".

Así, os seus obxectivos serán completar a rede de infraestruturas de transporte do país, mellorar a accesibilidade dos núcleos urbanos, garantir que catro de cada cinco persoas estean a menos de 10 minutos dunha vía de alta capacidade, reducir á metade as vítimas de accidentes viarios, incrementar o investimento en mantemento e conservación da rede, fomentar o transporte público creando unha rede de "aparcadoiros disuasorios" e flexibilizar as peaxes.

O Plan abranguerá de 2010 a 2015, aínda que algunhas actuacións poderanse estender até o 2020. Tamén vai supoñer unha nova clasificación da rede viaria do país, en vías de altas prestacións, vías estruturantes, vías complementarias e rede local. O investimento total será de 4.192 millóns de euros.

Entre as actuacións previstas están melloras de trazado, mantemento e conservación, seguridade viaria -coa eliminación de puntos negros- e mellora ambiental. A "optimización" das peaxes supoñerá un investimento de 22 millóns de euros para subvencionar os desprazamentos de "mobilidade obrigada" do fogar ao traballo e viceversa mediante un sistema de bonificación ligado á telepeaxe.

Para levar a cabo este plan, o Goberno creará a Axencia Galega das Estradas, utilizará sistemas de financiamento mediante sociedades instrumentais participadas pola Xunta, entre outros.

Variante de Noia
O Goberno tamén aprobou esta quinta feira o expediente de información pública do proxecto de variante de Noia escollido polo goberno Fraga e anulado polo bipartito. Segundo informou a Xunta, esta opción, que contempla a construción dunha ponte sobre a ría de Noia, só lle afectará a unha casa, fronte á variante interior, que lle afectaba a tres. Tamén destaca que a variante aprobada recibiu menos alegacións e ocupará menos superficie.

O viaduto, dun quilómetro e medio de lonxitude, recibiu a declaración de impacto ambiental favorábel e o informe positivo da Consellaría do Mar. Ademais, tomaranse medidas para evitar que as obras afecten o contorno natural. A obra ten un orzamento de 35,7 millóns de euros, e debería de estar rematada en 2011. Calcúlase que dous anos despois reciba a circulación de 2.750 vehículos diarios, que se incrementará amplamente no verán.


5/5 (1 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: