Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Informe sobre seguridade viaria

Quítanlle importancia na sinistralidade ao estado das estradas

"O problema está nas persoas", xustifican Garda Civil e Fiscalía, cun estudo que atribúe un de cada tres accidentes a "factor humano" e alcohol.

Redacción - 18:00 29/05/2009
"Prima a recadación" no canto de estratexias reais de seguridade, teñen criticado desde a Unión de Gardas Civís

"Prima a recadación" no canto de estratexias reais de seguridade, teñen criticado desde a Unión de Gardas Civís

"O alcohol é un problema gravísimo", insistiu este venres en conferencia de prensa o xefe do sector de Tráfico da Garda Civil en Galiza, o tenente coronel Xosé Luís Ulla, quen á beira do fiscal xefe do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), presentou unha análise sobre a sinistralidade na rede viaria do país.

O informe peneira os datos entre novembro de 2007 e abril de 2008, incluíndo xullo e agosto do exercicio pasado, período no que se rexistraron un total de 7.805 accidentes, dos que 1.134 foron graves, con 149 vítimas. O estudo destaca que dos factores que alteran as capacidades das persoas ao volante do vehículo, o alcohol abrolla con claridade como o elemento "máis determinante". De xeito concreto: o 33,6% dos mortos en accidente rexistraba taxas de alcohol en sangue, e mesmo un 23,3% dos falecidos por atropelo rexistraban tamén taxas alcohólicas. Do total de sinistros peneirados, aparece unha media de 32 accidentes por día nas estradas do país, o 70% con bo tempo e un 19% con choiva, néboa ou xeo.

Problema "de persoas", teiman
"Nin o estado das estradas, nin as condicións atmosféricas e a complicación nas vías, o problema está nas persoas", afirmou o tenente Ulla, salientando que "é fundamental" afondar na concienciación cidadá ao respecto da responsabilidade que implica estar aos mandos dun vehículo.

Os números avaliados neste informe estabelecen un perfil medio do condutor que "atenta" contra a seguridade viaria. Trátase segundo estes datos dun "varón de máis de 40 anos e con antecedentes por accidentes ou por alcoholemia". De feito, destaca que un 62% dos causantes de accidentes acumulan como mínimo un antecedente penal, administrativo ou por infracción. Unha situación que, na opinión do fiscal xefe do TSXG, indicaría que para un gran número de persoas a reforma penal vixente desde 2007 con vontade "disuasoria", semella que "non ten efectos para moitas persoas".

Ao respecto, Carlos Varela admitiu que a Fiscalía e a Dirección Xeral de Tráfico estudan o endurecemento do marco legal. Entre as novas posibilidades que manexan as administracións estaría por exemplo a de "reter o vehículo" a persoas que sexan reincidentes. Alén de apartar das estradas aos condutores que reincidan nas infraccións, explica o fiscal xefe que tamén se conseguiría reducir o elevado número de delitos contra a seguridade viaria que teñen que tramitar os xulgados.

O mal estado das vías, secundario
Así e todo, o informe obvia o mal estado de moitas vías e a falta de investimentos en mantemento e solución de puntos conflitivos. A xeito de exemplo, un dos últimos informes do Real Automóvil Club (RACC) sobre a perigosidade das estradas, sinala que a nivel estatal só Castela e León ten máis tramos onde se detecta risco alto ou medio para a circulación. En Galiza son até corenta treitos baixo este signo de advertencia.

Ademais, o último balance de ingresos en Galiza da Dirección Xeral de Tráfico recolle unha recadación de até 173 millóns de euros entre 2001-2005, período no cal pola contra só foi investido un 15% desa cantidade.

Máis polo miúdo, Vieiros tense feito eco das queixas da Unión de Gardas Civís de Galicia (UGC-Galicia), segundo as cales a elevada concentración de accidentes de tráfico en Galiza estaría relacionada tamén coa " política disposta por burócratas desde Madrid non atende ás realidades de Galiza".


5/5 (4 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: