A adxudicataria da construción do tramo Carballo-Berdoias solicitou a rescisión do contrato ante a imposibilidade de executar a obra por "problemas de financiamento".
Zona pola que está previsto que discorra a autovía /Google Earth
No Nadal pasado, o lugar da Cepeira, en Carballo, acollía a colocación da primeira pedra da futura Autovía da Costa da Morte. O compromiso da Xunta era que o primeiro treito desta nova estrada (entre Carballo e Baio) se abrise ao tráfico en novembro de 2010 e o segundo (até Berdoias, Vimianzo) en maio de 2011, para o que se destinaba un orzamento de 219 millóns de euros.
Oito meses despois, a empresa adxudicataria da construción, a agrupación formada por Ferrovial Agromán e Taboada y Ramos, solicitou a rescisión do contrato, pola vía de mutuo acordo, alegando "imposibilidade de poder completar o plan financeiro" que lle permita facer fronte á execución da obra.
A Xunta acusa ao bipartito
O Goberno entende agora que até a segunda semana de setembro (data na que se rescindirá oficialmente o contrato), a adxudicataria ten "aberta a vía da negociación" para intentar executar a obra e resolver os problemas financeiros existentes. O executivo adianta que, nesta semana, negociará e valorará o importe dos traballos xa feitos pola empresa, como o pago de expropiacións ou a redacción do proxecto.
A Consellaría de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas asegura que xa está traballando na redacción do prego de licitación, co obxectivo de sacar a obra de novo a concurso na maior brevidade posíbel. Dirixindo as súas críticas ao goberno bipartito, a quen acusa de coñecer os "serios problemas" que tiña a concesionaria para financiar a actuación cando se colocou a primeira obra, a Xunta comprométese a axilizar a actuación "de forma prioritaria", para intentar "recuperar os catro anos perdidos" e "compensar os danos causados".
Así as cousas, coas obras da autovía da Costa da Morte aínda sen se iniciar, todo apunta a un importante atraso na súa execución, ben se asume os traballos a actual concesionaria, ben se se debe iniciar novamente todo o proceso de licitación.