Caride comprométese cos alcaldes da Costa da Morte a iniciar as obras antes de que remate 2008.
A conselleira María Xosé Caride comprometeuse este martes cos rexedores da Costa da Morte a ter en funcionamento a autovía Carballo-Baio (Zas) nun prazo máximo de tres anos. Segundo a titular de Política Territorial, os traballos para construir o vial comezarán no outono de 2008 para que poida estar operativo ao longo de 2010.
Dende a Xunta tamén se comprometen a desdobrar o tramo entre Baio e Berdoias, que en principio vai ser unha estrada de alta capacidade, se se demostra que hai un volume abondo de vehículos. A nova comunicación por estrada entre Carballo e Berdoias (Vimianzo) terá unha distancia de algo máis de 42 quilómetros e un custe superior aos 173 millóns de euros.
Diferentes municipios de Bergantiños, Terra de Soneira e Fisterra reclaman dende hai anos unha autovía que vertebre a Costa da Morte. Denuncian que a estrada que une Fisterra con Carballo quedou desfasada e que é a causa dunha alta sinistralidade na zona.