Carlos Callón expuxo ao director xeral de Función Pública a situación secundaria que padece a lingua propia do país mesmo na Administración autonómica.
Logo de que o Goberno modificase a Lei de Función Pública, o presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Carlos Callón, e o máximo responsábel do departamento que xestiona o emprego público no noso país, Xosé M. Barreiro Díaz, mantiveron unha xuntanza. Callón trasladoulle ao director xeral de Función Pública a situación "inxustamente secundaria" na que se atopa o galego, "mesmo na Administración" e reclamou "que se adopten medidas para garantir o dereito á atención en galego".
A Mesa entende que a través deste cambio legal, " a lingua propia do país deixou de ser na práctica un requisito en igualdade co castelán" e así llo trasladou ao director xeral, xa que "esta modificación supón unha merma dos dereitos cidadáns".
Finalmente, na xuntanza, que foi cordial, Carlos Callón preguntou "como vai facer a Xunta para garantir o dereito de atención en galego?" e lembrou que a normativa estatal sinala que os administrados temos o dereito a sermos atendidos na nosa lingua propia, así como o Estatuto de Autonomía, o Estatuto do Empregado Público, o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega e a Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias.