Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
MENTRES SE ANUNCIAN DENUNCIAS

Medra a lea política por mor das axudas recibidas pola Mesa

O PP anuncia que investigará o montante exacto que recibiu a asociación mentres que o BNG considera lóxico que cobrase subvencións.

Redacción - 19:45 06/07/2009

O motivo da discordia son os supostos 695 mil euros que a Mesa pola Normalización Lingüística tería recibido por parte do goberno bipartito. Logo de que saltase á actualidade esta cifra, a rifa política non cesa. Con esta suma sen confirmar por ningunha administración, o tema acabará con toda probabilidade nos xulgados.

Dunha banda, o Partido Popular, da man do seu portavoz, acusou a este colectivo de ser "o brazo político do nacionalismo para a imposición da lingua". Na mesma liña se manifestaron outros responsábeis populares, como Carlos Negreira, quen tamén asegurou que a asociación que preside Carlos Callón recibiu un "trato de favor" e recordou o suposto envío de cartas ameazantes a comerciantes que non utilizaban o galego na súa cartelería.

Pola súa parte, a Mesa xa iniciou accións legais contra este último, ao que acusan de inxurias e calumnias. Ademais, tamén seguirá adiante coa denuncia contra a Televisión de Galicia, por dar por certa a información ofrecéndoa sen máis contraste que o do PP. Na súa emisión do pasado domingo, o telexornal afirmou que esta asociación recibira a devandita cantidade, asegurando ademais, que era unha suma superior á cobrada, por exemplo, pola Real Academia Galega. Na información unicamente aparecía como voz implicada a do propio Carlos Negreira, sen que ninguén lle dese opción á replica a ningún representante da Mesa. Dende este colectivo xa presentaron un escrito ante a televisión pública, solicitando o seu dereito de réplica, que se fixo efectivo no Telexornal Serán deste luns, mais en opinión de Carlos Callón, esta solución non exime á asociación de acudir á vía xudicial.

O PP pedirá as contas e o BNG ve lóxicas as axudas
O portavoz do Grupo Parlamentario Popular, Manuel Ruíz Rivas, anunciou este luns que presentará iniciativas para coñecer a fondo o montante exacto das axudas concedidas polo bipartito á Mesa e as accións nas que foron empregadas. Así, falou de "trato discriminatorio preferencial" e lembrou que "hai máis xente que loita pola defensa da lingua".

Pola súa parte, o voceiro do BNG no Congreso dos Deputados, Francisco Jorquera, asegurou que as axudas achegadas á Mesa lle parecían lóxicas porque "constitúe unha asociación representativa" de defensa da lingua. Así, entendeu como algo normal que "un goberno autonómico, vía convenios, colabore con entidades que teñen representación e que fan un traballo en favor do galego".

Queremos galego, unha plataforma aberta
Doutra banda, Carlos Callón entende que esta información sae precisamente agora á luz coa intención de manipular e de restar credibilidade nun momento en que se está a crear unha plataforma aberta que pretende unir forzas "ante as fortísimas agresións contra a nosa lingua dende o actual goberno galego".

A xuntanza para conformar esta nova plataforma social celebrarase o martes, dia 7, ás 17:00 horas na Galería Sargadelos de Santiago de Compostela. Decidirase entón a estrutura e o programa de actividades e xorde co obxectivo de abrirse a todos os colectivos da sociedade galega, de calquera ámbito, "xa que a lingua a todas e a todos nos afecta e nos implica", asegura.


Ligazóns

5/5 (5 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



A Mexa xa anunciou accións legais contra a TVG e contra o popular Carlos Negreira
A Mexa xa anunciou accións legais contra a TVG e contra o popular Carlos Negreira