Esta segunda feira o conselleiro Samuel Juárez presentou as liñas de actuación do seu departamento para apoiar a curto prazo o sector do leite galego, e garantir a "liquidez inmediata" das explotacións.
O conselleiro do Medio Rural, Samuel Juárez, e o director xeral de Produción Agropecuaria, José Álvarez Robledo, presentaron no mediodía desta segunda feira as distintas actuacións desenvolvidas para achegar liquidez ás explotacións gandeiras de vacún de leite, "habida conta das dificultades polas que está a atravesar este sector" din dende a Xunta. Moitas das axudas contempladas neste plan foron adiantadas ou reformuladas a partir do orzamento desta consellaría, para paliar a situación de crise que vive o leite. En total contan cuns 100 millóns de euros.
A chave: axilizar o pagamento das axudas pendentes
O plan contempla sete liñas de actuación: a axilización dos trámites de pagamento das solicitudes de modernización de explotacións, así como para a incorporación dos mozos á actividade agraria -18'6 millóns de euros-; axilizar os trámites para os pagamentos das axudas a explotacións derivadas da Política Agraria Común (PAC) -21 millóns de euros-; adianto do pagamento das chamadas 'axudas directas' (popularmente 'pago único') da PAC para explotacións lácteas, mediante a formalización de préstamos con entidades bancarias -até 70 millóns de euros-; creación dun programa de apoio ao capital circulante, mediante resolución do Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE); axudas para a mellora da eficacia das explotacións; modificación, para priorizar ao sector lácteo, do PDR (Programa de Desenvolvemento Rural), financiado pola Unión Europea e as administracións Central e Autonómica -28'7 millóns de euros-; e modificación dos procedementos para que resulten máis áxiles as axudas solicitadas de Plans de Mellora, e de incorporación de mozas e mozos con investimentos ligados á adquisición de cota láctea.
Solidariedade e xustificacións
Coa presentación destas actuacións, dende Medio Rural quixeron "amosar o importante esforzo que están a realizar", contan dende a Consellaría, "para facerlle fronte, a curto prazo, e na medida das súas competencias e das súas posibilidades orzamentarias, á grave crise que está a atravesar un dos sectores máis relevantes e senlleiros da economía galega". Nesta liña, conselleiro e director xeral quixeron "solidarizarse cos milleiros de familias afectadas por esta situación", comprometéndose a seguir traballando nesta liña. Porén, quixeron lembrar e recalcar que levan "exactamente 63 días no seu cargo".