O ferrolán conseguiu o seu segundo título continental este domingo en Holanda, impoñéndose con autoridade ao británico Brownlee.
Javier Gómez Noya recuperou o seu trono continental este domingo, asinando o seu segundo triunfo no Campionato de Europa, que se desenvolveu en Holten, Holanda. Con este resultado, o triatleta ferrolán non só conseguiu superar o seu novo rival, o británico Alistair Brownlee, cun ritmo moi duro nos últimos quilómetros de carreira, senón que tamén acadou de novo o chanzo máis alto do podio internacional, seguindo a ser o líder da clasificación na recta final das series do Mundial. Após o seu terceiro posto en Madrid e a súa segunda praza en Washington, este é o seu regreso oficial á cimeira do triatlón.
Dende o 2007, cando foi campión en Copenhague, Gómez Noya non subía ao máis alto podio europeo, e desta volta zafou das planeadas tácticas dos seus rivais, como a que lle fixeran os competidores franceses o ano pasado, no Europeo de Lisboa. Gómez Noya saíu da auga nas primeiras posicións tras asinar 1.500 metros de natación no Lago Domelaar. No segmento ciclista meteuse na escapada xunto aos rusos Polyansky, Vasiliev e Malyshev, os británicos Brownlee e Graves, e o francés Belaubre. Os sete fuxidos colaboraron e acadaron con vantaxe a segunda transición. Porén, o segmento de carreira a pé foi unha auténtica exhibición do galego, e un duelo contra o único triatleta que lle aguantaba o ritmo: Brownlee. Porén, e falta de tres quilómetros para a meta, na última subida, o ferrolán comezou a subir o ritmo a un nivel que resultou inalcanzábel para o seu único rival con posibilidades, e Brownlee ficou atrás. Gómez Noya completou os 10 mil metros en 31 minutos e no cómputo total da proba avantaxou o segundo clasificado en 27 segundos. A súa superioridade ficou patente cando, a piques de entrar na meta, aínda tivo tempo de saudar a algúns dos seus seareiros dándolles a man.
Gómez Noya, novo rei europeo e o vixente campión mundial logo do seu triunfo do 2008 en Vancouver, afrontará a súa vindeira cita deportiva esta mesma semana en Kitzbuhel, Austria, onde se disputará o domingo a cuarta proba das series do Campionato do Mundo. Após pendurar a medalla de ouro do seu pescozo, o ferrolán amosábase moi satisfeito co resultado: "As cousas están a saír moi ben este ano, pero dende xullo de 2008 non subía ao máis alto do podio e gañar sempre fai ilusión".