No Obradoiro, logo de escoitar o Himno do Antigo Reino, dirixirase aos numerosos asistentes.
O PPdeG apostou pola "sinxeleza" para celebrar este sábado a toma de posesión de Alberto Núñez Feijoo como presidente do Goberno, un acto no que se recuperará o son das gaitas que dende 1990 acompañaron a Manuel Fraga nas súas catro entradas ao Pazo de Raxoi.
Lonxe dos máis de cinco mil gaiteiros que o presidente fundador do PP levara en 2001 á súa última toma de posesión, os 60 integrantes da Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense serán os encargados de poñer música ao acto, que terá lugar na Praza do Obradoiro a partir das 12.30 horas, cunha interpretación "austera, mais digna".
Confirmouno o director da agrupación, Xosé Luís Foxo, que celebrou que Feijoo decidira recuperar esta tradición, aparcada polo seu predecesor, Emilio Pérez Touriño, que contou cun só gaiteiro na súa toma de posesión e que concedeu todo o protagonismo á música clásica da Real Filharmonía.
Os membros da Real Banda de Gaitas recibirán ao novo presidente do país cun saúdo de percusión para, posteriormente, interpretar Gallaecia, unha obra composta polo propio Foxo en 1990 para os presidentes da Xunta.
Logo de escoitar o Himno do Antigo Reino de Galiza, Feijoo pronunciará un discurso, ao que seguirá o Himno oficial. O broche final ao acto porao a Muiñeira da Ponte Sampaio, unha peza de 1809 que se remonta a Guerra contra o francés, coa que os gaiteiros abandonarán o Obradoiro.