Os catro ex dirixentes da Xunta, alcaldes, presidentes de deputacións, representantes sindicais e da patronal, así como o arcebispo de Santiago, entre os convidados.
A presidenta do Parlamento, Pilar Rojo, e o vicepresidente terceiro do goberno español, Manuel Chaves, acompañarán a Alberto Núñez Feijoo na Sala dos Reis, a partir das 11.00 horas no Hórreo, onde o dirixente galego prometerá -e non xurará- o seu cargo.
Os tres presentaranse xuntos e situaranse na parte principal da estancia, dende onde a presidenta do Lexislativo se dirixirá aos 150 invitados cun discurso de apertura da sesión. Logo da súa intervención, o secretario da Mesa do Parlamento, Xosé Manuel Balseiro, dará lectura ao Real Decreto de nomeamento do presidente da Xunta
A continuación, Feijoo prometerá o seu cargo coa fórmula "prometo ser fiel ao meu mandato como presidente da Xunta, observar e facer cumprir a Constitución e o Estatuto de Autonomía e as demais leis de Galiza e do Estado e exercitar as miñas funcións no interese supremo e exclusivo de Galiza e de España".
Para rematar, ofrecerá un breve discurso co que concluirá o acto formal da súa toma de posesión, onde tamén se espera a presenza dos seus catro antecesores, Xerardo Fernández Albor, Fernando González Laxe, Manuel Fraga Iribarne e Emilio Pérez Touriño
Tamén, o delegado do goberno español, Manuel Ameijeiras; o alcalde da capital galega, Xosé Sánchez Bugallo; o arcebispo de Santiago, Xulián Barrio; os presidentes das catro deputacións provinciais; o presidente da Fegamp, Carlos Fernández; os secretarios xerais dos tres sindicatos, UXT, CIG e CCOO; ou a do presidente da Confederación de Empresarios de Galicia, Antonio Fontenla.
Outros convidados
A maiores, está prevista a asistencia de dirixentes de ámbito estatal, como os presidentes das comunidades autónomas de Madrid e de Castela e León, Esperanza Aguirre e Juan Vicente Herrera, respectivamente; a secretaria xeral do PP, María Teresa de Cospedal; o alcalde da capital española, Alberto Ruiz Gallardón; ou a portavoz popular no Congreso dos Deputados, Soraya Sáez de Santamaría.