Richard Phillips, de 53 años, fora capturado a pasada cuarta feira nas augas do Índico, e pasou a semana nun bote, cos seus captores, arrodeados polos buques estadounidenses.
O capitán estadounidense Richard Phillips, de 53 anos, foi liberado este domingo á tardiña, despois de ser secuestrado a pasada cuarta feira por piratas somalís en augas do Índico. Na operación de rescate, na que participou unha forza de intervención especial da Armada dos EUA, faleceron tres dos catro piratas que mantiñan a Phillips a bordo da súa lancha, mentres o cuarto foi detido pola Mariña estadounidense. O capitán atópase arestora a bordo do buque USS Bainbridge, segundo la cadea de televisión estadounidense CNN.
O rescate produciuse despois de que Phillips se lanzase á auga dende o bote salvavidas no que permanecía secuestrado, momento no que membros da Armada dispararon contra os seus captores.
Ao coñecerse a noticia do rescate, o presidente dos EUA, Barack Obama, fixo público un comunicado no que expresa a súa ledicia pola liberación, e no que deixa claro o empeño da Administración que dirixe para terminar coa piratería nas augas de Somalia.
Os piratas seguen asaltando buques
Mentres Phillips permanecía secuestrado, un novo remolcador, con bandeira italiana e 16 persoas a bordo, foi capturado este sábado por piratas nas augas do golfo de Adén. Tamén un cargueiro de bandeira de Panamá foi asaltado cando transitaba polo golfo de Adén, entre Somalia e o Iemen. Os atacantes chegaron a lanzar granadas cara a ponte de mando, e dispararon contra o casco da embarcación. O ataque foi repelido con fortes chorros de auga a gran presión lanzados desde o interior do buque.
Por outro lado, na noite da sexta feira foi liberado o barco noruegués Bow Asir, despois do pago dun rescate por parte dos seus donos.
Na actualidade hai máis de 250 persoas secuestradas por piratas somalís, moitos deles de países pobres, como Bangladesh, Paquistán e Filipinas, o país con maior número de reféns, un total de 92.