Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Irlanda

Edición xestionada por María Golpe
RSS de Irlanda
Crónica dende Irlanda

O conto do Taoiseach espido

Caricaturas ilícitas do primeiro ministro Brian Cowen sen roupa enfrontan o goberno e os medios.

María Golpe - 12:45 01/04/2009
Unha das caricaturas

Unha das caricaturas

O público e os empregados da Galería Nacional (National Gallery), en Dublin, déranse conta de que o primeiro ministro (o Taoiseach), Brian Cowen, estaba sen roupa. Pero, coma no conto, entre risos e comentarios entre dentes, ninguén se atreveu a dicir nada. Membros de seguridade retiraron os retratos e chamouse a policía (An Garda Síochána). Pero un xornalista do Sunday Tribune decidiu publicar a historia: as caricaturas non autorizadas do Taoiseach espido, colgadas na sección de retratos da Galería Nacional.

Alí estaba Cowen, espido e cos seus calzóns na man ou sentado suxeitando un rolo de papel hixiénico, colgado ao lado de ilustres irlandeses coma William Butler Yeats e Michael Collins. As caricaturas, polo visto e segundo expertos, son de pouco valor. Os Gardai xa estaban mans á obra na busca e captura do artista: acusado de indecencia, incitar ao terrorismo e incluso danar a propiedade pública (disque puxo un cravo na parede da Galería Nacional para colgar os retratos).

De aí, o conto pasou a Today FM, unha das radios comerciais mais populares do país, e ás novas das nove na television estatal, RTÉ. Ante esta indecencia maior, o goberno decidiu tomar (máis) cartas no asunto: unha desculpa pública esixíuselle á RTÉ, aos xornalistas implicados tomóuselles declaración. Estas imaxes degradantes do líder da nación daban mala imaxe cara ao exterior. Os retratos xa chegaran a mans de 'plumillas' na China e San Francisco.

Ante tanta especulación mediática e ofertas substanciosas polos retratos, o autor, Conor Casby (un profesor de 34 anos), decidiu presentarse na comisaría esta semana e entoar o mea culpa. Today FM leu unha declaración do artista. Casby, que non agardaba este salto a fama espectacular e pode enfrontarse a unha sentenza de cadea, non quere saber máis nada desta historia e así venda os cadros, vaille dar todos os cartos recadados a unha ONG.

14 mil visitas no YouTube
Varios programas de debate radiofónico e xornais criticaron a reacción do goberno. Segundo dixo o membro do partido gobernante Michael Kennedy, o problema non é tanto polos retratos mesmos, senón polo feito de que RTÉ os sacara nas novas da noite, en horario de máxima audiencia. Coma no conto do rei espido, parece ser que o problema non era a nudez en si, senón que alguén se atrevese a sinalala.

Polo que se refire ao goberno, se as estatísticas lle daban pouca popularidade, o caso do Taoiseach espido non lles vai axudar nas eleccións locais de xuño. Con desculpa ou sen ela, nunca tanto público tiveron as noticias das nove de RTÉ. Aínda que a canle estatal retirou o vídeo da sua páxina web, o mesmo vídeo en YouTube leva case 14 mil visitas.


5/5 (1 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: