Por vez primeira, e mentres o paro chega a cifras que non se vían desde hai dez anos, as enquisas colocan os demócrata-cristianos do Fine Gael por diante do partido no poder.
O 76% dos irlandeses están descontentos co goberno liderado por Fianna Fáil e o 61% non están satisfeitos coa actuación do Taoiseach, Brian Cowen, segundo unha enquisa do Irish Times/TNS mrbi. Tan só o 18% dos cidadáns din estar contentos co goberno, a porcentaxe de apoio máis baixa nos últimos 25 anos.
A enquisa coloca Fine Gael por diante de Fianna Fáil por primeira vez na historia das enquisas do Irish Times. Labour Party perde un punto e colócase co 14 % do apoio cidadán, ainda que o seu líder Eamonn Gilmore é o mais popular dos líderes políticos. Os Verdes perden un punto e caen ao 4% mentres que Sinn Féin conserva o 8 % do apoio do publico.
A enquisa do Irish Times chega tras un mes de protestas cidadáns, provocadas polos recortes controvertidos anunciados nos orzamentos do goberno irlandés para os próximos meses.
A retirada das tarxetas médicas (que significan acceso ao servizo sanitario de maneira gratuíta) aos maiores de 70 anos independentemente do seu nivel económico e os recortes en materia de educación (aumento das taxas universitarias e redución de personal docente no ensino primario e secundario) teñen minada a popularidade do goberno e provocado o descontento popular. Partidos da oposición e organizacións non gobernamentais teñen acusado o goberno de querer atallar a crise facendo recortes que lle afectarán aos máis vulnerábeis da sociedade.
Hai dúas semanas, 15 mil xubilados e mais 15 mil estudantes manifestábanse no mesmo día en Dublín para protestar polas medidas propostas polo governo. A semana pasada, profesores e pais saían á rúa para mostrar o seu descontento cos recortes no número de profesores para o curso 2009/2010. E as protestas cidadáns continúan.
Esta semana, o goberno tamén anunciaba que non seguirá adiante co plan de vacinar as nenas de 12 anos contra o cancro do útero, unha decisión criticada pola oposición e asociacións de axuda a enfermos de cancro.Mentres tanto, o número de parados no país pasou os 260 mil no mes de outubro, o mais alto en dez anos.