Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Feita polos seus propios militares

O exército de Israel arquiva unha denuncia de asasinatos en Gaza

Había unha investigación aberta porque se sospeitaba que os soldados israelís mataran civís desarmados durante unha ofensiva, na Faixa, en xaneiro deste ano.

Redacción - 12:30 31/03/2009
Un palestino observa o dano que fixeron os ataques israelís nun predio / Flickr: farshadebrahimi

Un palestino observa o dano que fixeron os ataques israelís nun predio / Flickr: farshadebrahimi

O exército de Israel ordenou o arquivamento dunha investigación, sen terminar, sobre a implicación dos seus soldados na morte de varios civís desarmados, acontecida durante a ofensiva desenvolvida polos israelís en xaneiro deste ano, na Faixa de Gaza. O procurador xeral militar alega que os soldados que fixeron as denuncias non foron testemuñas dos accidentes, e baseáronse en rumores.

As averiguacións da Policía Militar centráronse nos relato de antigos alumnos dun curso pre-militar que, cando volvían á academia, a comezos de xaneiro deste ano, contaron como as unidades das que facían parte mataran a mulleres e nenos na Faixa. As denuncias, as primeiras dunha serie feitas por efectivos que participaran na operación en Gaza, levantaron as sospeitas de que os militares violaran repetidamente os tratados internacionais, atacando civís desarmados e destruíndo as súas vivendas.

No comunicado no que ordena o peche das investigacións, o xeneral Avichai Mendelblit lamenta a actitude dos soldados, subliñando que ha ser "difícil avaliar o prexuízo causado á moral e á imaxe do exército", após seren difundidos, a nivel internacional, os seus relatos. O ministro de Defensa, Ehud Barak, felicitouse polos resultados da investigación, e reafirmou a confianza nun exército que é "un dos de máis grande moral do mundo". Con todo, organizacións israelitas de defensa dos dereitos humanos dixeron que "o rápido peche das investigacións xera sospeitas de que se tratou dunha mera tentativa do exército de Israel para lavar as mans" e desvincularse destas matanzas, cometidas polos seus militares.


1/5 (1 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: