O Comité Cidadán de Emerxencia ratificou a súa denuncia perante a Fiscalía do Tribunal Superior de Xustiza e presentou a documentación da que dispón.
A tramitación, o desenvolvemento e a execución da planta de regasificación de Reganosa está rodeada dun bo número de supostas irregularidades, segundo asegura o Comité Cidadán de Emerxencia. Agora, este colectivo compareceu perante a Fiscalía do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) para ratificar a súa denuncia e presentar a correspondente documentación, na que sosteñen que a instalación da planta de gas no interior da ría de Ferrol promovida polo Grupo Tojeiro "obedece a un proceso continuado de corrupción".
Documentación achegada
Tendo en conta que calquera planta de regasificiación ten garantida polo Estado o 100% dos seus orzamentos (Lei de Hidrocarburos 34/1998) e que, polo tanto, son os consumidores os que pagan a infraestrutura e os seus gastos de mantemento, o Comité considera toda a operación un "saqueo ás contas públicas por parte de Reganosa". Así, na súa denuncia presentan documentación que, segundo explican, demostra os seguintes puntos:
1) O Grupo Tojeiro, solicitante e promotor da planta, falseou a xustificación económica da gasística, condición necesaria para que lle fose concedida a autorización administrativa (tiña previsto consumir 500 millóns m3/anuais de gas natural, mais no tempo que leva en funcionamento non realizou consumo significativo ningún.
2) A elección da situación en Mugardos realízase a través da sinatura dun convenio de colaboración confidencial entre o Presidente da Xunta, Manuel Fraga, e os socios de Reganosa sen a previo estudo de impacto ambiental nin de avaliación de riscos. Ademais, a escolla deste lugar xerou unhas plusvalías ao Grupo Tojeiro de máis de 25 millóns de euros pola cesión dunha concesión administrativa portuaria.
3) Os pagos realizados por Reganosa a Forestal del Atlántico (por certo, outra empresa do mesmo grupo industrial que preside Roberto Tojeiro) non corresponderon cos prezos do mercado, polo que "é lóxico pensar que este extraordinario sobreprezo foi pagado pola gasística, coñecedora de que estas cantidades lle ían ser retribuídas posteriormente polo Estado.
4) Na mesma data na que se realizan estas compravendas e cesións, a Xunta de Galiza entra no accionariado de Reganosa cunha achega de 600 mil euros e con representación no Consello. Ao mesmo tempo, o entón conselleiro de Economía, Xosé Antonio Orza, mantiña relacións accionariais privadas co grupo Tojeiro.
5) A Sociedade Mercantil Reganosa ven empregando dende o ano 2004 dous presupostos diferentes e simultáneos, "cun evidente ánimo de defraudar": un dos orzamentos preséntao para obter a aprobación dos diferentes proxectos e pagar os avais e licenzas correspondentes e o outro, máis alto, para xustificar as retribucións que percibira do Estado.
6) O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) ten anulada a tramitación da planta por non ter realizado o preceptivo estudo de impacto ambiental. Ademais, tamén anulou a modificación do Plan Xeral de Ordenación Municipal de Mugardos que permitiu a instalación da planta.
7) A Administración achega a Reganosa, segundo as súas propias contas, un total de 60 millóns de euros ao ano, unha cantidade que será retribuída durante os vindeiros 23 anos, é dicir, o Estado achegará un total de 1.300 millóns de euros a esta compañía que dá traballo a 40 persoas.
Con toda esta información, o Comité solicita á Fiscalía que inicie as actuacións oportunas para depurar as responsabilidades penais que puidesen derivarse de todos estes feitos que denuncian.