Pasadas as 17:00 horas desta cuarta feira accedía o 'LNG Sokoto'. Varias persoas protestaban á mesma hora fronte á Autoridade Portuaria.
Este domingo cúmprense dez anos do accidente do 'Discoverer Enterprise' na Ría de Ferrol / Kiko Delgado
Concentrados dende as 16.15 horas fronte á Autoridade Portuaria no peirao ferrolán de Curuxeiras (e convocados polo Comité de Emerxencia), máis de medio cento de veciños recibiron esta cuarta feira cunha cacerolada o buque LNG Sokoto, cargado con 58.476 toneladas (130.711 metros cúbicos) de gas natural licuado, que se dirixía cara a planta de Reganosa (Mugardos, Ferrol).
O barco, que é o primeiro do ano, o terceiro dende que o Ministerio de Industria lle concedeu a licenza comercial (7 de novembro), e o 12º dende a súa entrada en funcionamento en probas o pasado 9 de maio, accedeu á Ría de Ferrol pasadas as 17:00 horas coincidindo coa preamar.
En 2008 estímase que carguen en Mugardos uns 72 camións cisterna por mes, aínda que Reganosa asegura que a capacidade das instalacións é maior. A planta de gas non comercializa o produto, senón que só ofrece o servizo de carga. A distribución e a relación co cliente corre por conta das empresas que contrataron a capacidade: Endesa, Unión Fenosa e Gas Natural.
Case dez anos do accidente do Discoverer Enterprise
Manuel Anxo Rodríguez Carballeira, eventual coordinador do Comité de Emerxencia por enfermidade de Carmelo Teixeiro, afirmou que coa carga entregada polo LNG Sokoto, con bandeira das Bermudas, Reganosa acumula xa 4 millóns de bombonas de gas licuado nas súas dependencias.
Rodríguez Carballeira esixiulle ao Ministerio de Industria que "recapacite" sobre o que "suporía un accidente dentro da ría", cando -lembrou- están a piques de se cumprir dez anos (este domingo) do accidente do buque Discoverer Enterprise contra a ponte das Pías.
Ademais, anunciou que xunto cos recursos interpostos ante a Unión Europea, dende o Comité de Emerxencia van levar a cabo unha ofensiva polo "pelotazo urbanístico" que, consideran, supuxo a instalación de Reganosa dentro da Ría de Ferrol.