O xuíz invalida o cambio de usos do solo dos terreos nos que se asenta a regasificadora, pola ausencia da Declaración de Impacto Ambiental.
A resolución do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) afecta a todas as fases do proceso administrativo e podería invalidar todos os permisos concedidos polos gobernos galego e español: a autorización administrativa previa para a localización da planta, o permiso de construción e a licenza de obras e actividade. Trátase da terceira sentenza contraria a Reganosa emitida polo máis alto tribunal do país.
En concreto este novo fallo invalida unha modificación feita polo goberno local de Murgados, pola que se cambiaba a catalogación dos usos do solo no actual emprazamento da planta de Reganosa. Daquela, o concello estaba presidido por Ramón Toimil (PSOE), que gobernaba en coalición co BNG. Este cambio na tipificación dos usos do solo permitía a instalación da regasificadora nos terreos da empresa Forestal do Atlántico (integrada no Grupo Tojeiro e na que participaba o daquela conselleiro de Economía, José Antonio Orza), malia a non contar coa necesaria Declaración de Impacto Ambiental. Malia ás críticas, o actual goberno municipal, dirixido polo nacionalista Xosé Fernández Barcia, asumiu nos últimos anos esta decisión, que agora é declarada ilegal.
A sentencia evidencia o caso de "corrupción político-financeiro" que supuxo a construción da planta, en palabras do Comité Cidadán, que volveu denunciar os beneficios económicos de "máis de 30 millóns de euros" que obtivo o grupo Tojeiro, accionista de Reganosa, coa venda dos terreos.
Pídenlle á Xunta que "actúe"
En consecuencia, Manuel Rodríguez, presidente do Comité Cidadán de Emerxencia da Ría de Ferrol, exixiulle este mércores ao goberno que acate a sentenza xudicial, e que retire os recursos interpostos ante o Tribunal Supremo. "Non se pode permitir que a Xunta apoie a un grupo privado. É unha situación esperpéntica que vai en contra da Xustiza e da cidadanía", denunciou Humberto Fidalgo, de ADEGA. O Comité Cidadán fíxolle entrega á Presidencia e Vicepresidencia da Xunta de Galicia dun escrito de petición neste senso.
O Comité Cidadán lembrou a perigosidade da planta de gas, próxima a importantes núcleos de poboación e situada a carón dun complexo petro-químico. A este respecto, culpou a Xunta de non levar a cabo políticas de "prevención" e acusouna de ser "coresponsábel" en caso de rexistrarse na ría un accidente derivado das instalacións de Reganosa. Así, o CEE pediu que a Ría de Ferrol non se converta no "vertedoiro do Estado español".