A forza militar conxunta congolesa-ruandesa informou de que abateran nove rebeldes da FDLR.
Soldados da forza conxunta
O xefe da operación militar conxunta, o xeneral congolés John Numbi, informou mediante un comunicado, recollido polas axencias internacionais, dos primeiros combates entre tropas dos exércitos de Ruanda e do Congo e a Fronte Democrática de Liberación de Ruanda (FDLR).
"Da banda da FDLR, nove elementos foron abatidos", afirmou. A misión deu comezo hai dous días e procura neutralizar os grupos guerrilleiros que levan anos operando na rexión co apoio de ambos os dous gobernos: o do Congo aos 'hutus' do FDLR, acusados de asasinar civís en vilas 'tutsi' do leste do país; e o de Ruanda ao Congreso Nacional en Defensa do Pobo (CNDP).
O CNDP, en principio constituído para defender os 'tutsi' do Congo logo de rexeitar os acordos de paz que puxeron fin á guerra de 1998-2003, puxo en xaque o goberno de Joseph Kabila en novembro pasado. No entanto, o seu líder Laurent Nkunda accedeu a participar nun proceso de paz patrocinado pola ONU.
Nkunda foi capturado esta quinta feira polo Exército ruandés, como parte dun acordo entre Kinshsha e Kigali para sacrificar ambos os dous peóns dunha guerra encuberta: a FDLR e, máis que o CNDP, o propio Nkunda. Porén, o goberno congolés xa se queixou de que non recibira resposta do ruandés sobre o pedimento da súa extradición.