Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Conflito na África central

O Exército de Angola combate no Congo a guerrilla que apoia Ruanda

O goberno deste último país é de maioría 'tutsi' como os rebeldes congoleses. O envío de tropas angolanas confirmouse oficialmente esta cuarta feira.

Redacción - 11:15 13/11/2008
Un soldado do Exército congolés

Un soldado do Exército congolés

O sábado pasado fontes militares da ONU informaban que militares angolanos participaran o día anterior xunto ao Exército do Congo en combates contra o Congreso Nacional da Defensa do Pobo (CNDP). O viceministro de Exteriores de Angola, Georges Chikoty, confirmaba oficialmente esta cuarta feira que enviarán máis tropas, aínda que non con que obxectivo: en misión de paz ou para amparar o goberno congolés, tal e como lle solicitou o pasado 29 de outubro.

O conflito podería ir a peor se o goberno de Ruanda, de maioría tutsi ao igual que a guerrilla liderada por Laurent Nkunda, decide intervir aproveitando esta circunstancia. Os rebeldes, que decretaron un cesamento do fogo o domingo, afirman querer negociar directamente co goberno de Joseph Kabila, o que acusan de amparar as milicias hutu ruandesas logo do xenocidio dos 90.

Angolanos e ruandeses xa combateran durante a Segunda Guerra do Congo (1998-2002). Daquelas Ruanda e Uganda apoiaban as forzas opositoras e controlaban territorios ricos en café, ouro e estaño. Cimbabue e Angola enviaron tanques e avións de combate; en troques, conseguiron acceso ás minas de diamantes e cobre.


5/5 (4 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: