Ao tempo, Olmert advertiu que a tregua á fráxil. Ademais, atopáronse perto dun cento de cadáveres entre as entulleiras formadas polos edificios derrubados en Gaza.
Transportando un cadáver
O movemento islamita Hamas e outras faccións palestinas na Faixa de Gaza, declararon un alto o fogo inmediato, despois do anunciado o sábado unilateralmente por Israel, sen contar cos milicianos palestinos. O líder de Hamas no exilio, Jaled Meshal, confirmou a noticia dende Damasco.
Os palestinos anunciaron que van parar a súa actividade militar e o lanzamento de foguetes, e, ao tempo, déronlle ao exército israelí o prazo dunha semana para abandonar o territorio palestino. Do contrario, aseguran que van reanudar as hostilidades.
Pola súa parte, o voceiro do gabinete do primeiro ministro israelí, Ehud Olmert, asegurou que Israel non vai elaborar un calendario de retirada de zona até que Hamas e os seus milicianos deixen de disparar foguetes. Porén, Israel, que ocupa co seu exército as principais cidades da Faixa, non ten previsto retirarse inmediatamente como exixen os palestinos. Xa advertira Olmert o sábado, cando deu seis horas de tregua, que o alto o fogo "fráxil" e que as autoridades militares do seu país comproban a evolución "minuto a minuto". Ao parecer, as súas tropas teñen previsto quedar na Faixa de Gaza outros 10 días.
Unha tregua incumprida
Hai que ter en conta que a tregua non se está cumprindo, xa que a primeira hora da mañá do domingo, helicópteros de Israel con ametralladoras atacaban un grupo de edificios en Gaza, só seis horas despois de que Olmert declarase o final da hostilidade. Todo isto, segundo sinalou a radio pública israelí, que tamén informou de que pouco despois do ataque dos seus soldados, os milicianos palestinos dispararon 13 foguetes contra o sur de Israel, nun ataque que non causou vítimas.
Porén, do lado palestino as vítimas xa se poden contar por centos. De feito, o domingo de mañá os servizos de emerxencia e rescate da Faixa recuperaron, nas entulleiras formadas tras o derrube de varios predios, 95 cadáveres de palestinos, segundo informou a axencia palestina Maan. Con estas vítimas, os mortos palestinos na ofensiva israelí, dende o 27 de decembro, superan os 1.300, e os feridos son máis de 5.300. Pola banda israelí só se contabilizaron 13 mortos.
Mentres, os líderes de Francia, Alemaña, o Estado Español, o Reino Unido, Turquía e o presidente palestino, Mahmud Abbas, acoden este domingo a unha cimeira en Sharm el Sheij (Exipto) para abordar a reconstrución da Faixa de Gaza.