Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Na madrugada do domingo

Israel ataca o norte de Gaza, só seis horas despois de proclamar a súa tregua unilateral

O exército israelí asegura que a ofensiva foi unha resposta a un ataque palestino. Aínda non se sabe, con certeza, se hai vítimas.

Redacción - 10:00 18/01/2009
Transportando un cadáver

Transportando un cadáver

Helicópteros de Israel atacaron na mañá do domingo un grupo de edificios en Gaza, só seis horas despois de que entrase en vigor o alto ao fogo que declararan os israelís, de xeito unilateral.

Os helicópteros dispararon con ametralladoras contra unha zona do norte da Faixa, perto do campo de de refuxiados de Yabalia. Un voceiro militar israelí declarou na radio pública "esta mañá -por este domingo- un grupo de milicianos atacou a forzas do exército no norte de Faixa, e estas responderon".

Van xa tres semanas de combates na Faixa; Israel asegura que as súas tropas non se van retirar, de momento, e Hamas reiterou que non vai aceptar a presenza israelí. Perto de 1.200 palestinos e 13 israelís morreron dende que Israel lanzou a súa ofensiva contra Hamas o pasado 27 de decembro.

Olmert: "Hamas sufriu un duro golpe"
Este último ataque do que se ten coñecemento aconteceu xusto seis horas despois de que o primeiro ministro de Israel, Ehud Olmert, anunciase o alto ao fogo unilateral en Gaza, que entrou e vigor a partir das 01:00 horas deste domingo, as 02:00 horas da madrugada en Gaza. Segundo sinalou Olmert, os soldados non se van retirar de territorio palestino en 10 días, e tampouco hai aínda pacto cos islamitas, aínda que os seus dirixentes e os representantes do goberno israelí viaxan continuamente ao Cairo, un mediador máis próximo á posición de Israel.

O primeiro ministro israelí tamén explicou, na súa comparecencia, que os obxectivos do seu goberno na Operación Chumbo Fundido en Gaza "cumpríronse", e asegurou que "Hamas sufriu un duro golpe, moitos dos seus homes morreron, os disparos de foguetes reducíronse, e numerosos túneles usados para o contrabando de armas foron destruídos".

Polo seu lado, os milicianos de Hamas xa tiñan anunciado que, a pesar do alto ao fogo de Israel, habían continuar cos ataques. "A batalla non terminou e non vai terminar co cese da agresión -israelí-, senón co fin da ocupación", afirmou o dirixente de Hamas no Líbano, Osama Hamdán. Hamdán tamén asegurou que as exixencias da súa militancia seguen en pé e que antes de aceptar un alto ao fogo, cómpre que cese a agresión israelí sobre Gaza, que se levante o boqueo e que se abran os pasos fronteirizos da Faixa. " Coa declaración israelí non chega", acrecentou outro integrante de Hamas, Ali Barakeh.

Mentres, os líderes de Francia, Alemaña, o Estado Español, o Reino Unido, Turquía e o presidente palestino, Mahmud Abbas, acoden este domingo a unha cimeira en Sharm el Sheij (Exipto) para abordar a reconstrución da Faixa de Gaza.


1/5 (1 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: