Reúnense estes días en Compostela para intercambiar experiencias e aprender a aplicación das tecnoloxías web á docencia.
Exterior da Facultade de Ciencias da Comunicación
Uns 30 lectores de galego que traballan en 18 países participan este luns e martes na Facultade de Ciencias da Comunicación de Compostela no seu segundo encontro do ano 2008. Desta volta, o tema das xornadas será "Aplicación das tecnoloxías web á docencia nos lectorados de galego".
A actividade, que organiza a Secretaría Xeral de Política Lingüística, ten esta vez un carácter tecnolóxico. Así, participan profesionais do ensino con experiencia no uso da internet como ferramenta educativa. Durante os dous días están previstos obradoiros de aplicación dos blogs ao ensino nos lectorados de galego, o estado actual dos blogs educativos ou o uso de vídeos na rede como ferramenta docente. Ademais, os participantes elaborarán unha bitácora colaborativa.
A reunión completarase o martes cunha posta en común do seu traballo nos centros de estudos galegos no exterior. A anterior xuntanza deste tipo tivera lugar no verán. Tamén en xullo houbera un encontro cos responsábeis dos centros de estudo e das cátedras de galego no estranxeiro que se desenvolvera en Compostela.