Os novos formatos de expresión e comunicación que están a aparecer co desenvolvemento da internet serán o fío condutor da xornada que organiza o sábado 13 o Centro Sociocultural do Ensanche, en Compostela. Durante a mañá e a tarde pasarán polas instalacións da rúa Frei Rosendo Salvado diversos conferenciantes que explicarán as características dos blogs, os fotologs, os podcasts e outros medios expresivos de recente creación e que están a crear unha ampla rede social tamén no noso país e na nosa lingua.
A mañá abriraa María Yáñez, que falará, a partir das 10.30, do que é unha bitácora e das repercusións da súa popularización. Tres cuartos de hora máis tarde estarán dous representantes de blogoteca.com, Raquel Gamallo e Manuel Pan, que explicarán as ferramentas e recursos que existen para crear blogs en galego. Ás 12.30, Berto Yáñez presentará a experiencia dunha comunidade participativa e de intercambio de noticias: chuza.org. A sesión matinal completaraa á unha e cuarto Carlos Neira, que ofrecerá un perfil das bitácoras galegas.
Ás 16.30, Amador Loureiro dará unha charla sobre os blogs e fotologs como canle de expresión artística, social e política e, despois, Modesto del Río falará dos podcasts. Ás 18 horas comezará a segunda parte da xornada, coa presentación de experiencias en blogs e fotologs. Noel Feáns, de A Regueifa, e Martín Wu, de The Homens falarán da relación entre bitácoras e música. Media hora máis tarde, Nel Vidal e Suso de Toro contarán as súas experiencias sobre lingua e literatura. A xornada clausuraraa Martin Pawley, que impartirá unha conferencia sobre bitácoras de cine.