O Observatorio Galego da Sociedade da Información tamén destaca que superan en 4 puntos a media de descarga de filmes da rede.
Segundo informa o Observatorio Galego da Sociedade da Información (OGSI), os últimos datos proporcionados polo INE amosan que os internautas do país presentan niveis semellantes aos do resto do Estado Español no canto ao uso de servizos de comunicación avanzada pola internet. E mesmo superan a media no uso de novos fenómenos sociais.
Así, os datos estatísticos amosan que o 36,5% dos usuarios galegos le blogs, o que supera en 5,5 puntos a media estatal. Ademais, máis do 50% usa a mensaxaría instantánea e un de cada catro envía mensaxes a chats, grupos de noticias e foros de discusión.
O mesmo estudo amosa que máis da metade dos internautas do país descargou ou escoitou música a través da rede en sitios diferentes a radios en liña, e que máis do 45% fixo o mesmo con filmes ou vídeos en lugares distintos de televisións na rede, catro puntos por riba da media estatal.
Este estudo sobre equipamento e uso das tecnoloxías da información e comunicación nos fogares para o ano 2008 mostra que os servizos usados polos internautas galegos e os seus hábitos de lecer están a evolucionar coa propia rede.