Os palestinos exixen a apertura da fronteira con Gaza. A fin do asedio era parte do pacto, forzado por Exipto, que os israelitas non quixeron aplicar.
O brazo militar do Movemento de Resistencia Islámico (Hamás), as Brigadas Ezzedin al Qassam, anunciaron esta quinta feira que daban por terminada a tregua na Faixa de Gaza coas autoridades israelís. O anunciou fíxose un día despois de que Hamás denunciase ao goberno de Israel por incumprimento das obrigas pactadas, ao non terminar co asedio na zona e non manter pechados os cruces fronteirizos polos que se abastece Gaza.
"Anunciamos que a calma entre nós e o inimigo sionista terminou por completo e que non se vai renovar, como resultado da negativa da ocupación das súas condicións fundamentais e as súas obrigas", afirmaron as Brigadas nun comunicado difundido de mañá en Gaza.
Tanto Hamás como outras faccións da Faixa de Gaza xa anticiparan que estaban preparadas para posíbeis operacións militares de Israel, e advertiron que os milicianos levan adestrando os seis meses que durou o alto ao fogo. Neste sentido, o brazo armado de Hamás sentenciou que calquera incursión do exército hebreo "vaille abrir as portas á batalla aberta e ha topar cunha dolorosa resposta" dende a Faixa de Gaza.
Os ataques aumentaron esta semana
"A calma, que se acadou coa axuda exipcia o pasado 19 de xuño e expira o 19 de decembro, terminou porque o inimigo no acatou as súas obrigas. A tregua terminou", explicou na quinta o responsábel de Hamás Ayman Taha, citado pola prensa local.
Hamás controla a Faixa de Gaza dende xuño de 2007, despois de violentos enfrontamentos entre os seus milicianos e os combatentes da facción rival, Al Fatah. Nos últimos seis meses de tregua rexistrouse unha enorme redución do número de bombas lanzadas dende o territorio palestino cara o sur de Israel, mais unha incursión das forzas hebreas a comezos de novembro fixo aumentar os ataques. Nos últimos tres días lanzáronse perto de 50 proxectís.