Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
CRÓNICA

Novo masacre en Gaza

Moncho Iglesias cóntanos os últimos enfrontamentos entre israelís e palestinos. A traxedia segue a ser o pan de cada día en Oriente Medio.

Moncho Iglesias - 17:30 28/04/2008

A noite do domingo retirábanse as forzas militares israelís que entraran en Gaza, horas antes, levándose a 40 palestinos e destruíndo varias plantacións agrícolas. Con todo, os bulldózeres e os tanques volveron entrar o luns, cedo, na procura de novos sospeitosos. Deste xeito, un almorzo sanguento acabou coa vida de varios palestinos en Beit Hanoun, no Norte da Franxa de Gaza. Aínda non saíran para a escola, cando os disparos dos tanques israelís entraron na casa, matando a catro nenos –de entre tres e seis anos- e á nai. Ao mesmo tempo, morría outro mozo –de dezasete anos-, que pasaba nese momento a carón da casa, camiño do colexio, mentres un seu amigo resultaba ferido. Unha sétima persoa morría, nesta incursión israelí, durante un intercambio de lume na zona, mentres outras sete resultaban feridas.

Segundo as Forzas israelís, os ataques do exército producíronse contra homes armados e en ningún momento tentaron atacar civís. Así mesmo, destacaron que a fortuíta explosión na casa producírase despois de que un militante de Hamás fose alcanzado polos disparos, provocando a detonación da munición que levaba.

A resposta por parte palestina, en forma de foguetes Qassam, súmase á condena por parte de todos os grupos palestinos. O presidente, Mahmoud Abbas, afirmou que este asalto non conseguía máis que empeorar o proceso de paz, aínda que continuaba co seu apoio. Mentres, o primeiro ministro, Ismael Haniyeh, censuraba o ataque, alegando que non era máis que unha proba da ocupación e dos continuos intentos de frustrar calquera esforzo por terminar co embargo imposto na Franxa de Gaza e rematar coas hostilidades. “Eses actos criminais, eses de antes e eses por vir, non acabaran coa vontade palestina e a procura dos seus dereitos, incluíndo liberdade e independencia”, afirmou. Así mesmo, membros dos Comités de Resistencia Popular prometeron continuar coas operacións contra o exército israelí, confirmando que “aínda nos procesos de paz, se temos a oportunidade de secuestrar un soldado ou de matar un sionista, non dubidaremos en facelo.”

Por outra banda, levántase o peche imposto, dende hai dúas semanas, nos Territorios. A celebración da Pascua xudía provocou a activación de medidas de seguridade extremas, como son o peche dos pasos fronteirizos, non permitindo o pase de palestinos a non ser aqueles cun permiso especial. Pero a apertura abre un novo masacre e a nova incursión de militares, tanto en Gaza como en Cisxordania.

Un crónica de Moncho Iglesias


4,43/5 (7 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: