En dúas conferencias ofrecidas esta semana en Compostela o xornalista, man dereita do presidente boliviano, repasou a situación política do seu país.
O vindeiro 25 de xaneiro Bolivia votará en referendo a aprobación da súa nova Constitución, que suporá de facto a refundación do Estado sobre novas bases: unha Bolivia social, plurinacional (tendo en conta os dereitos das ducias de pobos indíxenas que constitúen dous terzos da súa poboación), e autonómico (seguindo as demandas das rexións máis ricas). O voto favorábel semella seguro, tendo en conta o apoio popular recibido por Evo Morales en todos os comicios convocados (un 67% do voto no referendo revogatorio de agosto de 2008). O referendo abrirá un ano que se pechará con novos comicios presidenciais, nos que Morales buscará consolidar a súa maioría.
Alex Contreras foi durante anos man dereita de Morales, e foi o voceiro do seu goberno até abril de 2008. Despois regresou ao xornalismo, que continúa exercendo como correspondente da Axencia Latinoamericana de Información. Esta semana estivo en Compostela para ofrecer dúas conferencias sobre a situación política do seu país e sobre a acción dos medios de comunicación. A primeira coincidiu coa vitoria de Barack Obama nas eleccións presidenciais norteamericanas, unha excelente noticia para Bolivia e para América Latina, segundo Contreras, malia as nefastas experiencias que o continente tivo cos gobernantes estadounidenses de ambos os dous partidos, mesmo os máis progresistas como Kennedy. Contreras enmarcou a vitoria de Obama dentro do proceso de cambio que está vivindo toda América, e recordou as malas relacións do goberno de Bush e o de Morales, que finalizaron co a expulsión do embaixador norteamericano en setembro, e dos membros da DEA esta mesma semana.
Boa parte da oposición interna a Morales, apoiada dende fóra polos Estados Unidos e outras potencias occidentais, artellouse ao redor da reivindicación dun suposto dereito de autonomía para as rexións máis ricas, como Santa Cruz, Pando, Beni e Tarija, onde se concentran a maior parte das materias primas. Para Contreras, o maior erro do goberno de Morales foi non recoñecer de inmediato a autonomía a estes departamentos, impedindo deste xeito que os grupos de oposición neoliberais utilizasen esta reivindicación como motor para as súas protestas. A incorporación ao proxecto de Constitución do dereito á autonomía acalou todas as protestas, segundo Contreras.
Dos case catro anos de goberno de Morales en Bolivia, Contreras destaca a nacionalización e recuperacións de empresas para o Estado, así como de terras, o que permitiu que o país tivese superávit por primeira vez en moitos anos, mesmo en tempos de crise; este superávit foi investido principalmente en políticas de asistencia social (bono 'Juancito Pindo') e alfabetización (plan 'eu si podo').
Os medios de comunicación en Bolivia
En canto á situación da comunicación en Bolivia, Contreras denunciou os oligopolios mediáticos que cada vez se fan máis presentes en América Latina. En concreto citou a acción do grupo Prisa no seu país, propietario do xornal de maior tiraxe (La Razón), o sensacionalista Extra, o cruceño El Nuevo Día ou a cadea de televisión ATB. Estes medios realizaron nos últimos catro anos, segundo Contreras, unha campaña contra o goberno de Morales a través de "informacións falsas e incompletas". De feito, o propio presidente Morales afirmou que "a maior oposición non é político-partidaria, senón mediática-empresarial".
Para contrarrestar este dominio mediático en mans extranxeiras e en apoio da oposición neoliberal, o goberno de Morales, a través do propio Contreras, puxo en marcha unha rede de emisoras de radio comunitarias (un total de corenta), xestionadas polos propios cidadáns e comunidades locais, principalmente nas zonas rurais do país. Para os vindeiros meses prepara unha rede de televisións comunitarias, e unha rede de prensa, que deben defender "non ao goberno, senón á sociedade boliviana", segundo Contreras.
Contreras trouxo com el a mensaxe de conclusión do Chamamento para Democratizar a Comunicación, elaborado no III Foro Social das Américas, celebrado hai uns días en Guatemala, que afirmou que "A Comunicación é un Dereito de todas as persoas. O Dereito á comunicación implica garantir diversidade e pluralidade. Non nos conformamos coas proclamas empresarias que reducen a liberdade de expresión á liberdade de empresa. Non se trata soamente de que os Estados non censuren á prensa, entendemos necesaria a implementación por parte dos Estados de políticas públicas, con participación cidadá, para garantir a todas e todos, o exercicio, en igualdade, dos dereitos á libre expresión, á información e á comunicación. Desa forma posibilitarase a expresión a pobos e sectores silenciados". É dicir, que a comunicación debe ser democrática e horizontal, non elitista e monopólica; debe ser un dereito e non unha simple mercadoría, indicou.