O goberno de Evo Morales di ter probas de que axentes da DEA financiaron actos das revoltas do mes pasado.
"Suspéndese de xeito indefinido calquera actividade da DEA estadounidense", afirmou o propio presidente de Bolivia, Evo Morales, nun acto celebrado na localidade de Chimoré, en Cochabamba. Morales explicou que, presuntamente, funcionarios da axencia antidroga dos Estados Unidos (DEA) están por tras do financiamento de actividades dos grupos opositores que promoveron as revoltas do pasado mes de setembro no país. Morales falou ademais de "espionaxe político" e de financiación de "grupos criminais para que atenten contra a vida das autoridades".
Desde o Departamento de Estado dos EUA xa responderon ás acusacións de Morales negando calquera implicación dos axentes da DEA e asegurando que estes non teñen actividade nas últimas semanas máis aló da propia embaixada dos EUA en La Paz, recordando que a administración boliviana xa expulsara a axentes que colaboraban localmente contra o narcotráfico. Prodúcese así un novo episodio na crise diplomática entre os dous países , despois da expulsión do embaixador dos EUA en Bolivia e a resposta estadounidense coa expulsión á súa vez do embaixador boliviano en Washington e a supresión de Bolivia da lista de beneficiarios de axudas arancelarias.