Estefanía Hernández, Belén Asensio e Xosé Fernández participarán na Copa de Europa por equipos.
Estefanía Hernández tratará de pechar cunha nova medalla o seu mellor ano
Dúas mozas e un mozo galegos participarán co equipo estatal no campionato de Europa por equipos que se disputará os días 1 e 2 de novembro, na localidade turca de Konya. Belén Asensio participará na categoría "menos de 49 quilos", José Fernández farao na de "menos de 68 quilos" e Estefanía Hernández na de "menos de 57 quilos". A competición realizarase coas normas establecidas pola federación internacional, incluído o novo sistema de petos electrónicos. Os taekwondistas estarán divididos en oito categorías segundo o seu peso, catro femininas e outras tantas masculinas.
Belén Asensio (que compite coa federación madrileña malia residir en Galiza) e José Fernández obtiveron a clasificación directa para o campionato por ser os actuais campións das súas categorías da copa do rei, competición na que Estefanía Hernández acadou o subcampionato. Para a elección de Hernández pesou o gran ano que está a realizar, demostrando estar ben adaptada ao innovador sistema de petos electrónicos co que se vai competir en Konya.
A competición comezará cunha rolda de grupos, elaborados en base á clasificación dos taekwondistas no último europeo. O primeiro de cada grupo acadará a clasificación para unha rolda eliminatoria que rematará coas finais do domingo.