Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
XOSÉ ANXO LAXE, CONCELLEIRO BNG DE LUGO

"O que quere Orozco é desviar a atención e poñer o BNG sobre as cordas"

O Alcalde lugués anunciou que tentará dialogar con Vicepresidencia para que a cidade se sume ao Consorcio de Servizos Sociais.

Isabel G.Couso - 12:00 29/10/2008

Os orzamentos do Concello de Lugo para o ano 2009 están sobre a mesa. O pleno municipal no que se prevé o seu debate celebrarase o vindeiro luns 3 de novembro e o alcalde, Xosé López Orozco, aínda non conseguiu os apoios necesarios. Cun goberno en minoría, o Partido Socialista presentou unhas contas que superan os 105 millóns de euros, uns presupostos que, en palabras do alcalde, "priman o gasto social, limitan o custe de funcionamento e de protocolo, nestes tempos de crise, e inclúe un gran esforzo de investimento en persoas (os centros cívicos e centros de día aumentarán un 40%)". Con todo, o PsdeG precisa o voto a favor dalgún dos grupos da corporación municipal (os socialistas contan con 12 concelleiros, os populares con nove e os nacionalistas con catro), un apoio que, até o de agora, se perfila complicado .

Malia que o ano pasado o Partido Popular, presidido por Xoaquín García Díez, actuara de chave para a aprobación das contas, desta volta xa adiantou o seu voto negativo. Ante esta situación, o BNG é o único aliado posíbel para Orozco, que xa comezou a mover ficha. Os nacionalistas, dirixidos por Xosé Anxo Laxe, cualificaron o proxecto como "decepcionante", ao medrar "só un 3% con respecto ao 2008", unha cifra por baixo do IPC. Así condicionaron o seu apoio á modificación das contas: na súa proposta exixiron a redución de 500 mil euros en gastos superfluos e improdutivos (por exemplo o viaxe a China da corporación), o mantemento do nivel de endebedamento, a renuncia aos cargos dos directores xerais de policía e de novas tecnoloxías (cargos innecesarios ao xuízo do BNG) e a formalización da entrada do Concello de Lugo no Consorcio Galego de Servizos Sociais.

Neste contexto prodúcense as últimas declaracións de Xosé López Orozco, quen anunciou que tentará estabelecer unha vía de diálogo nos vindeiros días con Vicepresidencia da Xunta de Galicia, para aclarar cuestións vencelladas coa participación do Concello nesta entidade. No seu día, o alcalde asinara o protocolo coa Xunta de Galiza para sumarse ao Consorcio, mais finalmente optou por non participar. Aseguraba entón que algunha das condicións impostas vulneraba o principio de autonomía local, que non pensaba "pasar polo aro" porque non quería converterse nunha "marioneta" e reclamaba a competencia para xestionar directamente as escolas infantís do municipio. Agora, Orozco asegura ter "fame de diálogo" e anunciou que solicitará a convocatoria dunha comisión de seguemento, na que quere que Vicepresidencia aclare se permitirá que o concello xestione directamente as garderías e os centros de día, e que se dilucide se Lugo recibirá o mesmo diñeiro que outros municipios que xa forman parte do Consorcio, así como cal será o papel do goberno municipal nos procesos de selección de persoal, na elaboración das normas de carácter interno ou no proxecto pedagóxico destes centros.

Reacción dos nacionalistas
Para o BNG esta non é máis que unha manobra de Xosé López Orozco para desviar a atención sobre as cuestións de fondo deste orzamento. Segundo Xosé Anxo Laxe, coas medidas que propoñían poderíanse aforrar 2 millóns de euros, que se poderían destinar a obras como a construción de centros de día na zona rural, a extensión do transporte público ás parroquias ou a construción dun polideportivo en Fontiñas. A decisión de dialogar con Vicepresidencia é benvida (segundo os seus cálculos a inclusión de Lugo no Consorcio permitiría mellorar os servizos sociais municipais e aforrar 900 mil euros), mais é considerada un intento do alcalde para desviar a atención.

Os nacionalistas recordan que o goberno municipal non deu resposta a ningunha outra das medidas que o BNG propuxo para mellorar os orzamentos, un requisito fundamental para achegar o seu apoio ás contas. "Este é un xeito máis de poñernos contra as cordas", di Laxe, unha forma de botar a pelota ao tellado nacionalista que, con todo, non é suficiente para comprometer o seu voto favorábel.


Ligazóns

5/5 (1 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: