Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Rebenta o diálogo

"Xa quedou co PP", repróchalle o BNG lugués a Orozco

A negociación dos orzamentos complica o posíbel achegamento entre PSdeG e BNG en Lugo cara a un pacto de goberno.

Redacción - 09:00 23/10/2007

"Que lle vaia bonito, Xosé Clemente, que lle vaia bonito co PP". Con esa frase resumiu o voceiro municipal do BNG, Xosé Anxo Lage, a relación actual entre os líderes de socialistas e nacionalistas no Concello de Lugo. Lage considera que o alcalde non semella estar disposto a negociar "nada" co BNG, e reprochoulle a Orozco que "prefira gobernar co apoio dos populares". O voceiro dos nacionalistas afirmou que o rexedor "xa quedou co PP para elaboraren entre os dous o orzamento". "Ese é o seu modelo, o da dereita antisocial no canto dun pacto de estabilidade", indicou.

Diante da apertura das conversas sobre os orzamentos municipais para 2008, o BNG lugués ofrecera o seu apoio sempre e cando fose vencellado ao estabelecemento dun acordo de goberno estábel. Na opinión de Lage, os socialistas rexeitaron a proposta. "Orozco non foi quen de superar o trauma da perda da maioría absoluta", dixo o voceiro do Bloque, acusando o rexedor de estar "desnortado". Os nacionalistas cren que só sería posíbel recuperar a vontade de diálogo se desde a dirección do PSdeG se fai presión ao respecto, e chaman a "instancias superiores do PSOE" a seren "capaces" de "facer entrar en razón a este home".

Pola súa banda, o alcalde Xosé Clemente López Orozco acusa os nacionalistas de teimaren en que o PPdeG non participase nas negociacións dos orzamentos e insiste en que os de 2008 deben ser "uns orzamentos de todos". Di Orozco que o seu proxecto é un orzamento "de consenso e diálogo" onde deben estar todos os grupos municipais. Ao fío, anunciou que en breve e despois dos contactos coas outras formacións, o seu equipo presentará un proxecto de orzamentos.


4/5 (4 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: