Andados os primeiros seis meses de goberno desde os comicios municipais, en Lugo afástase a posibilidade do acordo PSdeG-BNG, mentres medra a sintonía de socialistas e populares.
"Chega a ser un goberno tácito". Así o analizaba este xoves Xosé Lois Devesa, responsábel local do BNG, no balance que os nacionalistas fan do treito de goberno en Lugo desde as municipais. Devesa falou de "acordo tácito entre PSOE e PP" no Concello e afirmou que ese acordo se plasmou nos plenos onde se acordou o financiamento do concello e nos orzamentos para o próximo ano, aliándose en ambos os dous casos socialistas e populares para sacar adiante estas propostas. Por todo iso, Devesa defendeu que a única oposición que queda no concello lucense, cun goberno en minoría de Orozco, é a que realizan os nacionalistas.
A finais de novembro, o alcalde, Xosé Clemente López Orozco, e a concelleira de Economía, Sonia Méndez, presentaran un acordo co grupo municipal do PPdeG. "Cando hai consenso, desa suma sae beneficiada a cidade", dixo Orozco daquela, afirmando que o pacto "non modifica o esquema de goberno", senón que "se suma outra visión e iso supón que máis lucenses se ven reflectidos nestes orzamentos". O alcalde opinou que nas eleccións municipais do 27 de maio "a cidadanía decidiu que fose necesario o acordo para sacar adiante algúns temas", e que polo tanto "son máis de 40.000 lucenses os que din que si a estes orzamentos".
A boa sintonía do equipo de Orozco e do PP, liderado por Xaquín García Díez, plasmouse xa en tres acordos: un primeiro no pleno de organización, outro arredor da privatización do servizo de augas e o recente nos orzamentos.