É a última proba, na que se decidirá o trono feminino. A deportista de Cee estreou, ademais, hai pouco unha nova páxina web.
A triatleta galega Pilar Hidalgo será a única integrante do equipo feminino estatal que estará na duodécima e última proba da BG Copa do Mundo esta tempada, a que se desenvolve o domingo en Huatulco (México).
A saída feminina darase ás 14:00 horas na Península, e as participantes terán que se enfrontar a 1,5 Km de natación no océano pacífico, 40 Km de ciclismo e 10 km de carreira a pé.
Co título masculino xa decidido, a favor do ferrolán Xabier Gómez Noya, o principal atractivo da proba mexicana será a loita pola coroa feminina, que se librará entre a australiana Felicity Abram e a neozelandesa Samantha Warriner. Porén, Abram vai ser baixa en México, polo que a posibilidade de subir ao podio está nas mans de Warriner, que precisa ficar entre as 7 primeiros clasificadas para conseguir o título de campioa da BG Copa do Mundo.
"Non deixei que o cansazo me impedise loitar"
Hidalgo estará en México, e segundo conta na súa web, acabada de estrear, pensa pasar unhas "minivacacións" após a proba, á que chega en bo estado de forma. A galega aparece no cabezallo da súa páxina, sentada a carón dunha frase entre comiñas: "Non deixei que o desánimo e o cansazo de moitos obstáculos que se puxeron no meu camiño, me impedisen loitar para triunfar", que ao entrar nos artigos muda pola de "Paixón, esperanza e ilusión". Queda dito.