Tamén houbo medallas (oito, tres delas de ouro) para a selección galega no Campionato Estatal de Duatlón. Mentres, Gómez Noya gañaba unha carreira popular.
Melina Alonso, campioa estatal de triatlón (cadete)
Estamos en plena tempada do triatlón, duatlón, cuatriatlón e mesmo pentatlón, e os atletas galegos seguen destacando nas distintas competición, a nivel nacional, estatal e internacional.
Este sábado, Iván Raña quedaba sexto na BG Copa do Mundo de Triatlón de Hamburgo, destacando entre os mellores triatletas do globo nunha tempada na que foi de menos a máis, coa ollada sempre posta dos Xogos Olímpicos de Beixín, onde competirá, o 19 de agosto, con moitas opcións de levar medalla.
A Beixín o de Ordes irá acompañado do número un do mundo, o ferrolán Xabier Gómez Noya, que preferiu non competir o sábado en Hamburgo para continuar coa súa preparación olímpica. Mais o domingo apareceu na 25 edición da Carreira Popular de Leiro, gañando na proba absoluta.
Pilar Hidalgo en Hamburgo
Despois do éxito de Raña, chegaba a quenda das mozas na BG Copa do Mundo de Hamburgo, coa participación da galega Pilar Hidalgo, facendo parte do equipo estatal xunto con Ana Burgos e Ainhoa Murua.
A galega, que non conseguiu este ano a marca para poder competir nas Olimpíadas, entrou na meta este domingo de décimo terceira. Ainhoa Murua foi quinta, e Ana Burgos entrou un bocado antes que Hidalgo, sendo décimo segunda.
Con este resultado, Pilar Hidalgo ascende ao posto 59 na clasificación xeral de la BG Copa do Mundo 2008. Aínda quedan cinco probas para que termine a tempada, tempo abondo para que Hidalgo siga escalando posicións.
Melina Alonso e Diego Paz, Campións Estatais cadetes
Melina Alonso (Cidade de Lugo Fluvial) e Diego Paz (Club Atletismo Porriño) proclamáronse este sábado, en Cuenca, Campións Estatais de triatlón na clase cadete. A prata na categoría masculina foi para Óscar Castro (Triatlón Motobike Pontevedra).
Tres ouros no Estatal de Duatlón
A selección galega conquistou, esta fin de semana, oito medallas no Campionato Estatal de Duatlón en Xixón. Tres delas foron de ouro.
Destacan os triunfos de Estefanía Domínguez (Cidade de Lugo Fluvial) na categoría feminina e a prata de Jesús Gomar (Cidade de Lugo Fluvial) na masculina absoluta. Gomar gañou tamén un ouro na categoría júnior. Despois do traballo feito polos dous triatletas, é bastante probábel que sexan seleccionados pola Federación Española para competir no Europeo, que se desenvolverá, en setembro, en Salford (Reino Unido).
As outras medallas foron para Pedro Blanco (bronce en benxamíns), Max Neira (prata en alevíns), Jorge Sancosmed (bronce en infantís), Mar Neira (a terceira medalla de ouro, na categoría júnior) e Zeltia López (prata en categoría júnior).