Son cifras lonxe do 11,9% co que China pechou 2007, mentres o indicador de produción industrial do país suxire que o impacto da crise xa zoupa no xigante económico.
Había cinco anos que os números do crecemento económico en China non eran dunha soa cifra. O último rexistro indica que no terceiro trimestre de 2008 ese indicador caeu ao 9%, segundo publicou a Oficina Nacional de Estatísticas de China. China pechara 2007 medrando un 11,9%, e a economía xa indicara ralentización en abril, cando o balance do primeiro trimestre caía ao 10,4%, manténdose no segundo trimestre nun 10,1%. Xa que logo, o crecemento promedio entre xaneiro en setembro queda no 9,9%.
A crise de crédito global e a debilidade do sector inmobiliario están entre os factores sinalados polos analistas para explicar esta evolución, que agoiran que seguirá á baixa. Así e todo, o prognóstico de crecemento do xigante económico mundial mantense elevado para este ano, con previsión de que China cerre 2008 cun crecemento acumulado do 9%. Precisamente, a última vez que os xestores chineses lembran que a economía non estivese nun ritmo de crecemento de dous díxitos foi en 2002, cando o incremento fora dun 9,1%.
Máis: CNN e BBC.