A denuncia chega horas antes do comezo do xuízo polo asasinato da xornalista, que ten lugar en Moscova esta cuarta feira.
Karina Moskalenko, avogada do caso de Anna Politkovskaya, denunciou que foi envelenada con mercurio en Estrasburgo, xunto ao seu marido e os seus tres fillos.
Residentes na cidade francesa -sede do Parlamento Europeo e do Tribunal de Dereitos Humanos, entre outras institucións da UE-, os catro membros da familia foron hospitalizados logo de sentiren náuseas, vómitos, tose e dores de cabeza.
A Policía atopou unha cantidade importante dunha sustancia similar ao mercurio debaixo das alfombras do coche, durante unha revisión realizada o pasado domingo.
Representante de Kaspárov e Jodorkovski
A xurista tamén representa os intereses do magnate ruso encarcerado Mikhaíl Jodorkovski, do político opositor ao goberno de Putin e Medvédev e ex campión mundial de xadrez Garri Kaspárov e de vítimas de torturas en Chechenia.
O asasinato de Politkovskaya perpetrouse hai dous anos cando a xornalista preparaba un artigo sobre as torturas sistemáticas en Chechenia, publicado polos seus compañeiros cinco días despois da súa morte.
No banco dos acusados sentaranse tres persoas, aínda que son moitos os que pensan que Rustam Makhmudov, en busca e captura, é o autor material do crime.