Aínda se descoñece a autoría do atentado que rematou coa vida da xornalista rusa, crítica coa actuación do goberno do seu país en Chechenia.
Anna Politkovskaia
Este martes cúmprense dous anos da morte da xornalista rusa Anna Politkovskaia. O seu asasinato, no portal da súa casa, aínda non está completamente esclarecido na actualidade. No ano 2006, a enorme cantidade de xente que asistiu ao seu funeral coincidiu en sinalar que a mataran por contar a verdade, por se ter preocupado polas vítimas da guerra de Chechenia.
Dous anos despois, tras unha serie de detencións e procesos xudiciais que aínda non remataron, xa son menos os que seguen a pedir xustiza, entre eles os familiares da vítima.
A primeira detención produciuse case un ano despois do crime. A Policía detivo a Shamil Buraiev, que fora candidato pro-ruso ás eleccións chechenas, baixo a acusación de lle ter dado o enderezo da xornalista aos presuntos asasinos. Porén, atópase en liberdade por carecer de antecedentes. Outra ducia de implicados tamén foron arrestados e ceibados por falta de probas.
Na actualidade, tres persoas están procesadas e pendentes de xuízo: Serguei Jadzhikurbanov e Dzhbrail e Ibraguim Mahmudov. Un terceiro irmán dos anteriores, Rustam, está baixo orde internacional de busca e captura como presunto autor material do asasinato, despois de saír do país cun pasaporte en vigor.
Estes días coñeceuse, ademais, que o asasino xa se cruzara con Politkovskaya días antes do crime e que estivo a preparar a execución, con simulacros diante da súa porta, segundo confirmaron gravacións de cámaras de seguridade.
Pero o que non se sabe é quen mandou matar a xornalista, crítica coa política do goberno ruso en Chechenia.
A familia de Politkovskaia segue a pedir xustiza, porque no banco dos acusados aínda non están os verdadeiros responsábeis da súa morte, e pregoulles aos medios de comunicación que non esquezan o caso.